Augas de Galicia avala o proxecto para liberar o río dos Gafos ao garantir a súa inclusión no Plan de Xestión de Risco de Inundación e no Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa para o ciclo 2021-2027

409

O proxecto impulsado polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, para destapar e renaturalizar o tramo urbano do río dos Gafos acaba de recibir un importante aval, ao confirmar Augas de Galicia a súa inclusión no Plan de Xestión de Risco de Inundación e, en consecuencia, no Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa para o ciclo 2021-2027. A boa noticia chega despois de que o departamento que dirixe Puentes solicitase, durante o período de consulta pública do Plan Hidrolóxico e do seu estudo ambiental estratéxico, a inclusión das propostas para liberar o Gafos dentro do Programa de Medidas do devandito plan (PdM), con obxecto de mitigar os efectos do cambio climático e en base a unha estratexia transformadora de crecemento sostible.


Na súa resposta motivada ás observacións formuladas polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible neste proceso de consulta, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez López, expón que “en canto á medida proposta polo Concello, de apertura do río soterrado, correspóndese a unha medida de restauración fluvial, da tipoloxía 14.01.02 dos plans de xestión de risco de inundación, que resulta moi interesante desde o punto de vista da Directiva 2007/60/CE relativa á xestión e avaliación do risco de inundación, en relación coa recuperación do espazo fluvial”. “Polo tanto -prosegue a misiva asinada por Teresa Gutiérrez-, será unha das medidas a incluír nas futuras Propostas Específicas de Xestión do Risco de Inundación (Pexri), que se desenvolvan para a Área con Risco Potencial Significativo de Inundación (Arpsi) do río Lérez e río dos Gafos. Deste xeito, incluirase tamén na versión definitiva do Plan de Xestión de Risco de Inundación 2021-2027, como futura proposta de actuación”.


Augas de Galicia lembra ademais que “tódalas medidas incluídas no Plan de Xestión de Risco de Inundación 2021-2027 forman parte do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa para o ciclo 2021-2027”.


Iván Puentes amosouse moi satisfeito con esta contestación positiva por parte de Augas de Galicia “nun momento crucial para que este proxecto de renaturalización do treito urbano do Gafos se poida materializar, no que estamos a piques de poder lanzar o concurso internacional de ideas en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (Coag) e de recibir unha resposta en relación á subvención de dous millóns de euros que lle solicitamos á Fundación Biodiversidade (adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) para liberar e restaurar un primeiro treito soterrado que discorre entre a rúa Xeneral Rubín e a igrexa de San Xosé (Praza da Constitución)”.

O proxecto suporá a transformación urbana dun dos principais barrios do centro da cidade, ao destapar máis de 700 metros de río que levan soterrados durante uns 50 anos e creando un parque liñal de 81.000 metros cadrados, unha superficie que, como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “equivale a unha superficie de 12 estadios de Pasarón”.


Asemade, o edil do PSOE lembra que o Concello de Pontevedra xa ten en fase de contratación o proxecto para recuperar o tramo do Gafos que discorre entre as rúas da Tablada e Rosalía de Castro, “que executaremos con cargo a unha achega económica de 600.000 euros financiada a través da Estratexia de Desenvolvemento Sostible e Integrado (Edusi) de Pontevedra”. “A desembocadura do río -apunta Iván Puentes- será pois a primeira zona en beneficiarse deste proceso de renaturalización, con obras que mellorarán e embelecerán o paso pola actual pasarela que conecta A Tablada e Rosalía de Castro”.