A Vida é Movernos convida aos pontevedreses a coñecer os beneficios da tenencia de cans para a saúde no festival ‘dog-friendly’ XiraCan

93

Divulgar os beneficios que a tenencia de animais de compañía ten para a nosa saúde e felicidade e convidar aos pontevedreses, con e sen can, a gozar dunhas xornadas cheas de aprendizaxe sobre o mellor amigo do home, son os principais obxectivos do XiraCan, o festival ‘dog-friendly’ impulsado pola Concellería de Deportes e Saúde no marco do programa A Vida é Movernos. O evento, organizado en colaboración coa firma Rgm Eventos, celebrarase a vindeira fin de semana nun recinto que se instalará no parque dos antigos terreos de Tafisa (avenida de Bos Aires): o sábado 7 de maio en horario de 12:00 a 20:00 horas e o domingo 8 de maio de 12:00 a 13:30 horas.


O público que visite o XiraCan terá a oportunidade de realizar consultas sobre alimentación aos expertos de Lenda Pet Food, realizar adquisicións no mercadillo solidario das asociacións protectoras Os Palleiros e Ohana, desfrutar de música en directo, xantar ao aire libre (haberá unha food-truck) e asistir a exhibicións, charlas, obradoiros e desfiles que terán aos cans como protagonistas. O programa do festival foi presentado esta mañá na Praza de España nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Saúde, Tino Fernández; a directora do XiraCan, Raquel González, e o seu responsable de Comunicación, Jul Díaz, por suposto xunto con algún peludiño.


Entre as actividades de deseñadas inclúese unha Zona Kids Gadis con talleres infantís de xogos tradicionais ‘co meu can’ e elaboración de chapas, xoguetes e colares para cans e gatos, que abrirá as súas portas o sábado 7 ás 16:00 horas, xusto cando se inicie unha ‘Exhibición de Obediencia Clase internacional (Oci) e Xogo’ a cargo da educadora canina Iria Sánchez. A continuación, ás 16:30 horas, está prevista unha charla sobre ‘Beneficios para a saúde da tenencia de animais’ na que a empresa de educación natural Ada explicará en que consisten as intervencións asistidas con animais a nivel terapéutico e socioeducativo, mentres que arredor das 17:00 horas, esta mesma firma realizará un obradoiro sobre ‘Como mellorar o vínculo co teu can’.


Tal e como explicou Tino Fernández, “a partir das 17:30 horas terán lugar sendos desfiles protagonizados polos cans e cadelas das protectoras Os Palleiros e Ohana, ás 19:00 horas unha interesante charla titulada ‘Mellora a túa saúde adestrando co teu can’ a cargo da técnica superior deportiva e educadora canina Chus Pérez e ás 19:30 horas unha clase participativa de Dog Fitness aberta ao público”. “Ademais de poder colaborar cun novo mercadillo solidario das protectoras, de efectuar consultas sobre alimentación no stand de Lenda Pet Food e de máis obradoiros infantís na Zona Kids Gadis, os que se acheguen ata o XiraCan na xornada do domingo terán ocasión de participar nunha andaina canina monitorada por adestradores profesionais, con saída ás 12:30 horas. Un xantar ao aire libre poralle a guinda a este festival”, sinalou o edil do PSOE.


O tenente de alcalde lembrou que A Vida é Movernos “é un programa amplo, que nos permite falar de moitas cousas, pero sobre todo de saúde, de hábitos saudables e, sobre todo, de como podemos axudar ás persoas a mellorar na saúde mental e a loitar contra a depresión e a tristeza na que estamos sumidos desde que a pandemia chegou”. “E un dos xeitos que temos de loitar contra esa ansiedade -apuntou Fernández- está demostrado que é traballar con cans, que teñen un efecto terapéutico indiscutible na vida das persoas… Este evento pretende poñer de manifesto esa importancia que os cans teñen na nosa vida como un referente, un amigo, un elemento de fidelidade absoluta, que mellora a nosa saúde”.


Raquel González animou a todo o tecido social de Pontevedra “a coñecer un pouco máis o mundo dos ‘perretes’, tódolos beneficios que poden achegarnos e as ferramentas, grandes profesionais, adestradores, proxectos incribles dos que dispoñemos na nosa cidade, como o que desenvolve Ada Intervención Canina, que traballa desde hai moito tempo con cans terapéuticos e fan un labor excepcional con entidades como Cogami, e escolas caninas de adestramento e educación”. A directora do XiraCan asegurou que “este é un proxecto no que están ben recibidos todos, os que temos can e os que non o temos, xa que diso se trata, de aprender a convivir e de visibilizar tódolos beneficios que nos pode achegar esta convivencia”.

Toda a información sobre o evento, o seu programa e a xestión das inscricións realizarase a través da plataforma Gohu.