Os nosos mellores cociñeiros de petiscos enchen de sabor Pontevedra no I Campionato de Tapas de Galicia

33
  • A primeira xornada do certame de gastronomía en miniatura impulsado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa Academia da Tapa e o Pintxo, que acolle a Finca Batacos, conta coa participación de 30 cociñeiros/as
  • A competición, que pode seguirse vía streaming a través da canle de Youtube do Concello e da páxina www.academiadelatapa.com, finalizará mañá ás 14:00 horas. O acto de entrega de premios aos gañadores terá lugar ás 17:30 horas

Os nosos mellores cociñeiros de petiscos xa enchen de sabor desde as 9:00 horas o espectacular escenario da Finca Batacos no I Campionato de Tapas de Galicia para dilucidar cal é a mellor receita de gastronomía en miniatura da comunidade. Ao longo da xornada de hoxe, 30 chefs (do medio centenar que toman parte na competición) estarán presentando as súas deliciosas propostas a un xurado presidido pola Estrela Michelin Yolanda León, exhibindo tapas elaboradas con produtos da terra, técnicas de alta cociña e creatividade e novas creacións capaces de xerar na boca unha explosión de sabores e seducir os sentidos.

O certame, conducido pola actriz María Carrera e que pode seguirse vía streaming desde a canle de Youtube do Concello e a páxina www.academiadelatapa.com, foi inaugurado oficialmente esta mañá nun acto no que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, impulsora do campionato; o delegado comercial de Estrella Galicia, Miguel Ángel Vázquez Becerra; o presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara; a responsable de márketing de Congalsa, Reyes Vidal, e o presidente da Academia da Tapa e do Pintxo, Mikel Martínez.

O rexedor municipal subliñou que este I Campionato de Tapas de Galicia permite “poñer en valor e visibilizar a potencia que Pontevedra ten nos eidos da gastronomía e a restauración”. “Queremos ser Capital Española da Gastronomía -lembrou Fernández Lores- e imos ter 47 restauradores galegos que van competir aquí diante dun xurado de fóra da comunidade. Temos en Galicia e nas Rías Baixas unha calidade excepcional de materias primas, peixe, carne, verduras, viño ou cervexa, e coido que estamos en condicións de competir internacionalmente. Que a xente que vén aquí saiba que non visita só a unhas das mellores praias do mundo, cun clima excepcional e uns espazos naturais, arqueolóxicos e arquitectónicos impresionantes, senón tamén unha terra cunha gastronomía fantástica, que é ademais un atractivo para incrementar o valor do sector turístico, que supón arredor dun 13 ou 14% do PIB”.

Yoya Blanco salientou a importancia de que este I Campionato de Tapas de Galicia se celebre en Pontevedra, permitindo encher a cidade de estrelas Michelin e da “mellor cociña en miniatura” e, sobre todo, “dar un enorme paso adiante nesa carreira de fondo que é acadar a capitalidade española da gastronomía”. A concelleira de Promoción Económica agradeceu a Gustavo Sobral que puxese a disposición as instalacións da Finca Batacos para a celebración do certame e tamén ao xurado que valorará tódolos petiscos, do que destacou o feito de que a presidenta sexa unha muller, e ao presidente da Academia da Tapa e o Pintxo “por contar con Pontevedra nesta carreira”.      

Mikel Martínez sinalou que “este é un evento que destaca a calidade gastronómica de Pontevedra e reafirma o traballo da Academia para potenciar e promocionar algo tan noso como as tapas e os pinchos, a nosa seña de identidade”. O presidente da entidade organizadora agradeceu a participación institucional e das empresas privadas que respaldan o proxecto, “e sobre todo aos cociñeiros que viñeron a participar coas súas tapas”. “Tamén hai que agradecer a implicación do xurado que nos acompaña, que sen dúbida vaino ter difícil, pero que estou seguro de que decidirán con xustiza e sabiduría”, afirmou Martínez.

A mesa de expertos en gastronomía que terá a misión de seleccionar as mellores tapas de Galicia está composta por: a leonesa Estrella Michelin Yolanda León (que o preside); o actual campión de España de Pinchos e Tapas, o valisoletano Alejandro San José, xefe de cociña de Habanero Taquería na capital castelá; Mitxel Suárez, cociñeiro do restaurante Borda Berri en Hueto Arriba (Álava), actual campión de Euskal Herria de Pintxos e terceiro clasificado na última edición do Campionato Nacional; o chef salmantino Helio Flores, que dirixe os fogóns do restaurante Los Álamos en Peñaranda de Bracamonte e que foi segundo clasificado no Campionato de Tapas e Pinchos de Castela e León e accésit ao Pincho Innovación no Nacional de Valladolid (ámbolos dous en 2021), e a xornalista mexicana afincada en San Sebastián Irma Aguilar, colaboradora da Guía Repsol e do grupo de comunicación El Debate.

Esta primeira competición autonómica de cociña en miniatura foi posible grazas ao apoio de Estrella Galicia, Agua Cabreiroá, Makro, o CRDO Ribeiro e Carrefour e á colaboración de Bodegas Lodeiros, Ibercook Food Service (a marca de Congalsa para a canle Horeca), Grupo Cacaolat, LavAzza, Tartuflanghe e Maquichef.

O Campionato finalizará mañá ás 14:00 horas, trala participación do resto de cociñeiros que participan no mesmo (outra vintena) momento a partir do cal se reunirá o xurado para decidir o palmarés de galardoados. Os nomes dos gañadores daranse a coñecer nun acto de entrega de premios que se celebrará na Finca Batacos a partir das 17:30 horas.