O fútbol a pé chega este venres a Montero Ríos da man do programa A Vida é Movernos

110

Despois de que o mal tempo obrigase a adiar esta agardada actividade, o programa A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, celebrará finalmente este venres 6 de maio, entre as 16:00 e as 21:00 horas, a primeira das xornadas de divulgación da disciplina de Fútbol a Pé. Esta iniciativa de balde, aberta a calquera idade, estado de saúde ou forma física, desenvolverase na avenida de Montero Ríos e manterá o calendario previsto para as seguintes xornadas: o 20 de maio (dentro da Feira da Saúde PonteSán) e 17 de xuño.


O propio tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, achegarase ata Montero Ríos para probar as súas destrezas nesta disciplina, que conta cada ano con máis adeptos.

As principais normas do fútbol a pé son as seguintes:

1. Non se pode correr.

2. Non hai contacto físico.

3. Hai tres contactos de balón antes da acción técnica posterior.

4. Para que un gol sexa válido, os xogadores do equipo atacante teñen que estar todos do medio campo para adiante (para tratar de que todo o mundo estea camiñando e pensando).

5. Se un xogador do equipo que defende queda no campo contrario cando encaixa un gol, ese gol vale dobre.

6. Os partidos xóganse nunha superficie de 60×30, o equivalente a un campo de fútbol grande cortado pola metade (un pouco máis pequeno que o de fútbol 7).

7. Dispútase con cinco xogadores de campo máis o porteiro (dado que este último posto pode alternarse con xogadores de campo, dáselle superioridade numérica ao equipo que ten o balón).

8. Ao non poder realizarse entradas, as posesións de balón son longas e o fútbol resulta moi vistoso.

Os interesad@s poden inscribirse a través do número de teléfono/whatsapp 610 704 450 ou do email futbolapie@gmail.com. Poden atopar máis información sobre esta actividade na páxina web www.futbolapie.com.