A emoción, a potencia e a alta velocidade do piragüismo regresan esta fin de semana a Pontevedra coa II Copa de España de Sprint Olímpico de Embarcacións Múltiples en categorías Sénior e Xuvenil masculino e feminino. O evento, organizado pola Federación Galega de Piragüismo (FGP) en colaboración coa Concellería de Deportes, a Deputación e a Real Federación Española de Piragüismo (RFEP), desenvolverase entre mañá e o domingo no Complexo Deportivo David Cal de Verducido (O Pontillón) e contará coa participación de case 700 padexeiros e padexeiras procedentes de toda Galicia (250), Andalucía (104), Madrid (60), Asturias (55), Baleares (45), Estremadura (27), Castela e León (23), País Vasco (18), Cataluña (17), Valencia (9), Castela A Mancha (8), Ceuta (6), Navarra (2) e Aragón (1).
Os que se acheguen ata as instalacións de Verducido poderán gozar co espectáculo das embarcacións de K-2, K-4, C-2, C-4 e Paracanoe de 63 clubs nacionais, que competirán nas trepidantes e explosivas distancias de 1.000, 500 e 200 metros. As series clasificatorias de contrarreloxo terán lugar durante toda a mañá do sábado 7, entre as 9:00 e as 13:30 horas, celebrándose as semifinais pola tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas, e as finais o domingo 8 pola mañá (a entrega de medallas precederá á disputa das respectivas finais).
Esta II Copa de España de Sprint Olímpico foi presentada esta mañá nun acto no que participaron o presidente da FGP, Alfredo Bea, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen lembrou que “o piragüismo é un referente en Pontevedra” e que este campionato afianza aínda máis o seu posicionamento “como capital deste deporte en Galicia e, neste caso, de España” e como cidade organizadora “de eventos de alto nivel”. “Hai pouco tivemos a Copa de España de Sprint de embarcacións individuais, que foi un éxito tanto a nivel de participación como de resultados, cunha concentración de medallistas olímpicas que non se dera nunca na historia da cidade, e agora volvemos ter aquí aos mellores de España, que é tanto como dicir os mellores de Europa e do mundo, xa que somos unha potencia”, asegurou Fernández.
Pola súa banda, Alfredo Bea explicou que este evento “é non só Copa de España, senón tamén selectivo de barcos dobres, individuais e de catro padexeiros para facer os equipos que irán á Copa do Mundo, o Campionato do Europa e o Mundial, cuxas probas se iniciarán xa mañá en Verducido e calquera que se achegue ata O Pontillón vai ver un ambiente moi grande”. Tal e como indicou o presidente da FGP, o prato forte chegará “o sábado e o domingo co enfrontamento de clubs, no que volveremos contar outra vez con tódolos olímpicos: teremos por exemplo a K-4 subcampioa olímpica (composta por Saúl Craviotto, Marcus Cooper, Carlos Arévalo e Rodrigo Germade) facendo o control selectivo para gañar a súa praza para o Mundial”. “Agardamos que en París poidamos continuar con esta senda que a Federación Galega mantén desde hai cinco Xogos consecutivos, nos que sempre regresamos con algún padexeiro galego cunha medalla olímpica”, subliñou.
Alfredo Bea tamén destacou “un proxecto que se está a desenvolver na cidade de Pontevedra, que é o K-4 co equipo feminino de España e que agardamos que poida estar finalmente xogándose unha praza na final do Mundial e unha medalla”. “Nese K-4 -precisou Bea- están Sara Ouzande, do Kayak Tudense, Teresa Portela, da Ucam, Carolina Otero, do Náutico de Sevilla, e outra padexeira catalana. Aspiran a volver poñer o K-4 das mulleres de España no máis alto”.