O Concello de Pontevedra anima e mándalle folgos ao equipo feminino do CW Pontevedra que loitará polo ascenso

55
O equipo pontevedrés afrontará este sábado o partido de ida da fase final de ascenso a Primeira Nacional contra o CW Murcia na piscina da Escola Naval Militar de Marín 

O Club Waterpolo Pontevedra buscará facer historia ás 19 horas do sábado na piscina da Escola Naval Militar de Marín. Alí afrontará o primeiro partido da fase final de ascenso a Primeira Nacional co seu equipo feminino. Un fito real á par que difícil, polo que todas as institucións da cidade participaron na recepción ás xogadoras no Concello de Pontevedra.

O acto celebrado esta mañá, co obxectivo de poder parabenizar e animar ao club, estivo encabezado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o delegado de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides; e o comandante director da Escola Naval de Marín, Pedro Cardona Suances. Todos eles fixeron fincapé na importancia de ter chegado tan lonxe como equipo e confirmaron a importancia de se converter en referentes tanto para o waterpolo local como para o deporte feminino. 

O concelleiro de Deportes, quen quixo mandarlle os seus ánimos ao equipo ao estar perante «unha oportunidade de ascender», algo que sería un «orgullo dobre» polo papel que farán como mulleres e como pontevedresas.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, sinalou que todos os presentes «saben e comprenden o esforzo grande» que fixeron as deportistas por chegar até aquí. «A miña experiencia é que cando hai dificultades máis sae a relucir a forza da xente. Aquí prima a vosa vontade por chegar lonxe, e das familias e dos adestradores, ten que haber un traballo colectivo ou non sería posíbel competir a este nivel. Estou orgulloso de todos os clubes que estades a competir na cidade dun xeito tan potente», sinalou o rexedor. «Noraboa, e que saibades que vos estaremos acompañando durante os dous partidos»