Pontevedra volverá soltar a melena o vindeiro 10 de maio nunha nova edición da pasarela Rizando o Rizo

98
  • Unha decena de firmas locais especializadas en perruquería e estética terán ocasión de exhibir os seus traballos e conversar sobre as tendencias e novidades do sector no espectacular escenario que se instalará na Praza da Peregrina
  • O evento, que incluirá entretidas entrevistas e desfiles, música en directo e unha actuación do mago Javier Muro, celebrarase en horario de 17:30 a 20:30 horas e estará conducido un ano máis pola actriz e xornalista da TVG Fátima Mella

Unha decena de firmas locais de perruquería e estética terán ocasión de exhibir os seus traballos e conversar sobre as tendencias e novidades do sector nunha nova edición de Rizando o Rizo que se celebrará o vindeiro martes 10 de maio e que, ao igual que a do ano pasado, terá como pasarela un espectacular escenario urbano que se instalará na Praza da Peregrina. O evento, que incluirá entretidas entrevistas e desfiles, desenvolverase ao longo da tarde, en horario de 17:30 a 20:30 horas, e volverá estar conducido pola actriz e xornalista da TVG Fátima Mella.

Música en directo e unha actuación titulada ‘Beleza máxica’ a cargo do mago Javier Muro contribuirán a amenizar o show organizado pola Asociación Provincial de Perruquería e Beleza grazas á colaboración da Concellería de Promoción Económica e Turismo (a través da plataforma PonteLovers) e a Deputación e que poderá seguirse moi de preto grazas ás cadeiras que se disporán arredor do decorado que colocará a empresa local Nakasa Interiorismo (dándolle así visibilidade a negocios de proximidade doutros sectores). As firmas que participarán no formato desfile serán Begoña Acuña Maquillaje Profesional, Centro de Extensións Jossy, Perruquería Dona Bela, Perruquería Crazy Studio e Academia de Perruquería Rizo Belle

O programa de Rizando o Rizo 2022 foi presentado esta mañá na Praza da Peregrina nun acto no que participaron a presidenta da Asociación Provincial de Perruquería, Beatriz Pintos, e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, quen avanzou que o evento contará na súa sección de entrevista con cinco conversas protagonizadas por:

  1. Lara Sade,de Lara Sade Imaxe Persoal, especializada en perrucas – ‘Os vestidos hoxe son capilares’.
  2. Beatriz España, coach de beleza de Ilovmi, con rutinas faciais – ‘Rutinas faciais’.
  3. Noelia Fontán, artista phibrows-microblanding – ‘Cellas sempre perfectas’.
  4. Josefina Naveiras,da Clínica Médico Estética Estersa, sobre tratamentos que destacan a beleza – ‘Ti tes a beleza e nos facemos que destaque’.
  5. Antonio Meirás, de Supermenta CBD, con produtos CBD – ‘Produtos CBD para o pelo e a pel’.

A concelleira Yoya Blanco salientou que este evento, que chega á súa sexta edición, “é moi necesario para visibilizar o traballo deste sector tan castigado pola pandemia e que agora comeza a rexurdir, cun ano top no que a vodas e eventos se refire”. “Agardo que a cidadanía se achegue a desfrutar desta pasarela ao aire libre en pleno centro, na Praza da Peregrina, e que tomen apuntes para os numerosos eventos que nos agardan neste ano”, afirmou a edil do PSOE.

Beatriz Pintos agradeceulle ao Concello esta visibilidade, “que nos vén moi ben, que necesitamos”, porque “queremos dicirlle á xente que estamos aí, que somos moi importantes nesta sociedade e que nos acompañen o 10 de maio”. Segundo precisou a presidenta da Asociación Provincial, a cidade acolle máis de 200 negocios de perruquería e a provincia de Pontevedra arredor dun milleiro.

“Estamos moi agradecidos de que a xente continúe a contar con nós e esqueza os tutoriais que poida ver en redes sociais, dándonos a importancia que temos: precisan unhas mans expertas e unha experiencia para saber o que lles senta mellor… O coidado do cabelo e a pel é unha tendencia. Seguimos cos cortes estilo bob, pero personalizando e vendo o óvalo facial da persoa, agora que quitamos a mascarilla e que o podemos volver ver na súa totalidade”, asegurou Beatriz Pintos.