O proxecto Laboratorio da Infancia completa máis dun centenar de obradoiros e actividades de concienciación medioambiental, práctica deportiva, sostibilidade, economía circular e vida saudable co alumnado dos colexios de Pontevedra

82

O proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación e enmarcado dentro das accións da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra (Edusi) ‘Máis Modelo Pontevedra’, leva realizados máis dun centenar de obradoiros e actividades de educación e concienciación medioambiental, prácticas deportivas, sostibilidade, economía circular e vida saudable co alumnado dos colexios de Pontevedra. Os talleres, que se puxeron en marcha a finais do ano pasado, incluíron accións para nenos e nenas de 1º a 6º de Primaria, con propostas como a cobertura dun tramo do Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Pontevedra; a visita ao Parque Etnográfico das Cabanas Prehistóricas de Outeiro das Mouras (Salcedo); escalada no Pavillón Multiúsos da Xunqueira; o Roteiro dos Segredos de Ponte Sampaio; unha ruta polos Muíños do Batán, e a observación de aves nas marismas de Alba. Asemade, para o treito de 1º, 2º e 3º de Primaria deseñouse un específico de Viaxe no tempo pola ruta de Gatomorto (en Santa María de Xeve), e para o de 4º, 5º e 6º de Primaria un de kaiak no Pontillón do Castro, un de xeocaching na Fracha e unha ruta guiada de interpretación ambiental pola senda do río Lérez.

Tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, a empresa Marexada, encargada da organización destas actividades, xa ten previstas para as vindeiras semanas con data fixa ou pendente de axendar “outra vintena de obradoiros e saídas cos rapaces dos CEIP Marcón, Santo André de Xeve, A Xunqueira I, Parada-Campañó, Daría González, Vilaverde-Mourente, San Martiño, Álvarez Limeses, CPR San José e CEP Marcos da Portela”. Ata o de agora, ademais dos centros mencionados, tamén participaron nos talleres do Laboratorio da Infancia os colexios de Cabanas, Plurilingüe Froebel, Sagrado Corazón, Marcón, San Benito de Lérez, Ponte Sampaio e A Carballeira.


Entre os obxectivos do Laboratorio da Infancia, financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), contémplanse:


a) A educación e concienciación ambiental, sostibilidade e economía circular: talleres con contido pedagóxico que explican os valores do mundo rural e natural, mediante a visita guiada aos parques forestais situados arredor de Pontevedra, especialmente o que se está conformando a través da Edusi con cofinanciamento Feder na Fracha, pero tamén ao resto de espazos naturais e parques forestais da cidade.


b) A educación e concienciación deportiva: quérense potenciar os recursos deportivos e tamén do medio natural, con talleres vinculados á práctica deportiva e á vida saudable (entre outros, talleres de remo/ piragüismo no Lérez ou de escalada no Pavillón da Xunqueira, remodelado dentro do mesmo marco).