A Concellería de Igualdade, que dirixe a socialista Yoya Blanco, convida a cidadanía a reflexionar sobre cuestións como os discursos de odio e a LGBTfobia nas aulas e nas redes sociais na IV Xornada de Formación Pinto e Maragota, que terá lugar o sábado 21 de maio no Salón de Actos do Pazo da Cultura. Baixo o epígrafe ‘A diversidade sexual e de xénero nas aulas. Materia pendente?’, o congreso, para o que xa están abertas as inscricións totalmente de balde a través do email info@pintoemaragota.gal (os docentes en activo poden matricularse a través do CFR co código P2102034), dará comezo ás 10:00 horas cun acto inaugural protagonizado pola propia Yoya Blanco e será clausurado ás 20:00 horas cun concerto de Paraíso Canto, no que, partindo da música de tradición oral galega, Martiño Malleiro e Gabi Reboredo exhibirán novos sons con arranxos propios e experimentando con músicas doutras culturas do mundo.
A intervención da concelleira de Igualdade dará paso a unha charla do investigador Xandre Garrido, integrante da Rede Galega de Estudos Queer, titulada ‘As aulas como espazo de reprodución de LGBTfobia: cara un modelo alternativo’, e a outra na que a tamén investigadora Ana Amigo, activista LGBTIQA+, falará sobre ‘Bibliotecas diversas’. Tras unha pequena pausa, o programa matutino pecharase con dúas mesas de experiencias: unha sobre ‘Ser visible nas aulas’, coa docente do IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña) Noemí Díaz, e outra sobre ‘Grupo Vía’, coa participación da profesora do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) Lola Sánchez Blázquez.
Tal e como avanza a concelleira Yoya Blanco, “abrirá a quenda de tarde a investigadora e activista LGBTIQA+ Daniela Fernández cunha charla baixo o título ‘A nosa memoria tamén é diversa’, que dará comezo ás 16:30 horas”. “Ás 17:30 horas teremos con nós a unha figura tan destacada como o histórico activista Jordi Petit, presidente honorífico da Coordinadora Gai-Lesbiana de Catalunya, que abordará os ‘Novos-vellos discursos de odio’, mentres que ás 19:00 horas o escritore e youtubeire Neeumatiko e o youtubeiro Olaxonmario explicarannos que significa ‘Ser cuir nas redes’, como antesala do concerto que lle porá o broche a esta IV Xornada de Formación Pinto e Maragota”, sinala a edil de Igualdade.
O congreso contará ademais cun posto de venda de libros LGBTIQA+ a cargo da Librería Seijas.