Pontevedra garante o servizo de auga a Marín, Bueu e ao Porto logo de detectar unha avaría na rede en alta

6

O Concello de Pontevedra rexistrou na tarde de onte unha avaría na condución de alta que subministra aos concellos de Marín e Bueu, e ao porto. Tratouse dun problema nunha válvula dun tubo de 500 mm que se atopa en proceso de reparación pero que apenas afectou ao subministro de auga da zona.

A avaría ocasionou que cesase o subministro durante o tempo necesario para pechar a rede e abrir a canalización alternativa que vai dende o depósito de Castrosenín. Esta alternativa xa se ten posto en marcha noutras ocasións con motivo doutras avarías.

Dende onte o servizo a Marín, Bueu e ao porto está garantido dende o depósito de Castrosenín, que estará plenamente operativo cando estean rematadas as obras do hospital Montecelo. Esta posibilidade púidose activar grazas aos investimentos que o Concello de Pontevedra promoveu e está a realizar en toda a rede de auga potábel do concello nos últimos anos.