Os alumnos do CEIP Santo André de Xeve coñecen a historia do seu colexio nunha nova sesión divulgativa do programa ‘O teu cole na historia’

30

As xornadas divulgativas do programa ‘O teu cole na historia, coñecendo a túa contorna’, impulsadas pola Concellería de Educación de Pontevedra para poñer en valor a historia e elementos naturais e etnográficos dos centros escolares, chegaron esta mañá ata o CEIP Santo André de Xeve. Nesta ocasión, o equipo creativo de Polo Correo do Vento (Carlos Taboada e Kike Mauricio) e o músico Antón Ke compartiron unha divertida sesión con 74 alumnos de Infantil e 1º e 2º de Primaria deste colexio, aos que explicaron diversos aspectos do mural realizado hai case un ano nas paredes do centro.


A pintora nada en Xeve Mercedes Ruibal, o traballo dos canteiros e un miñato que vixía o horizonte dende o lugar da Miñoteira son os protagonistas desta intervención artística, na que tamén se recollen as fontes, muíños e lavadoiros que poboan estas terras, así como vestixios da arte rupestre da Idade do Bronce como o Penedo de Argoenxa.