A Vida é Movernos estende a alegría e ritmo dos seus talleres de Percuterapia polos barrios e parroquias de Pontevedra

99

O programa municipal A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, decidiu estender a alegría e o ritmo dos seus talleres de Percuterapia por diferentes barrios e parroquias de Pontevedra. Tras unha sesión que terá lugar o venres 20 de maio ás 12:30 horas no marco da III Feira da Saúde e o Benestar PonteSán (na carpa da Praza de España), os obradoiros impartidos polo músico, terapeuta e percusionista Pedro Campos, experto en intelixencia emocional, desenvolveranse ao longo dos meses de xuño e xullo nas seguintes datas e espazos:


– Venres 3 de xuño. 11:00 horas. Residencia de Maiores de Campolongo
– Luns 7 de xuño. 17:30 horas. Residencia de Maiores Soremay
– Venres 10 de xuño. 20:30 horas. Local Social do Burgo
– Martes 21 de xuño. 17:00 horas. Residencia de Maiores Saraiva
– Venres 1 de xullo. 19:00 horas. Centro Cultural de Monte Porreiro
– Venres 8 de xullo. 19:00 horas. Local Social de Lérez
– Venres 15 de xullo. 19:00 horas. Local Social de San Roque
– Xoves 21 de xullo. 20:00 horas. Local Social de Ponte Sampaio 

Entre os obxectivos destes Talleres de Percuterapia, pensados para grupos dunhas 15 persoas, inclúense os de dotar aos seus participantes dunha serie de destrezas e competencias fundamentais para a vida cotiá en tódolos seus ámbitos e enriquecer o seu proceso sensorial, cognitivo e motor. Todas aquelas persoas interesadas en inscribirse poderán facelo de balde (ata completar o tope de prazas) a través do email camposacostapedro@yahoo.es ou do teléfono 690 182 282.


Os asistentes aos obradoiros aprenderán técnicas de relaxación, humanización e coñecemento persoal a través da percusión corporal, alternativa, vocal e tradicional; a buscar o benestar mental e emocional experimentando a música como un proceso que pode aumentar a comunicación e a expresión; a favorecer o desenvolvemento emocional; a mellorar a percepción, a motricidade e a expresión de problemas, inquedanzas, medos e bloqueos, e a aliviar a ansiedade.


As sesións previstas nestes talleres desenvolveranse en base aos seguintes métodos: 


1. A percusión corporal (body music ou body percussion): é a produción de sons con golpeos sobre o corpo propio, alleo e outros elementos, usando movementos corporais como aplaudir, usar a boca para emitir sons, asubiar, chasquear os dedos, brazos, mans; aproveitando as coxas, o peito, utilizando os pés, os dedos e outras partes do noso corpo. 
2. A percusión alternativa: é o choque urbano, que crea ritmos e sons con distintas partes do corpo e con obxectos cotiás. Pódese explorar de maneira individual, pero a súa riqueza e complexidade explotan cando se xuntan varias persoas. Busca son en obxectos de fácil acceso, como tachos, baldes, paus, vasos, mesas, cadeiras, botellas, etc., así como tamén no propio corpo, xa que calquera ámbito pode ser intervido percutivamente, porque ‘todo soa’. 
3. A percusión vocal: concíbese como a arte de reproducir os sons e facer música usando a propia voz, a boca e as cavidades nasais. Tamén pode incluír cantar, imitar sons de trompetas, sintetizadores, baterías, cordas e outros instrumentos musicais. 
4. A percusión tradicional: é a produción de sons con instrumentos de percusión, como congas, timbais, baterías, bombos, pandeiros…