Benestar Social súmase á campaña impulsada por Confemac para promover o pleno dereito das persoas maiores a acceder ás novas tecnoloxías co gallo do Día Mundial de Internet

46

A Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, adheriuse á campaña impulsada pola Confederación Estatal de Maiores Activas/os (Confemac) para promover o pleno dereito das persoas maiores ás novas tecnoloxías co gallo do 17 de maio, Día Mundial de Internet. Baixo o lema ‘Persoas maiores, cos mesmos dereitos’, a iniciativa pretende facer fincapé nos beneficios da rede para un envellecemento activo, así como na necesidade de suprimir as posibles limitacións que impiden o seu desfrute.


Tal e como subliña Marcos Rey, “para as persoas nativas dixitais internet é algo absolutamente natural, espontáneo e sinxelo, pero moitas persoas, a partir de certas idades, non queren ou non se ven capaces de empregalo e isto ten as súas consecuencias nunha forma de analfabetismo actual, que é a chamada ‘fenda dixital'”. “Un tipo de analfabetismo que é ademais moi limitante, porque afecta a case tódolos asuntos da vida cotiá, desde solicitar unha cita médica e realizar unha xestión bancaria ata comunicarse con outras persoas ou obter información… E a clave non está na idade nin no nivel de formación, senón na actitude, xa que, do mesmo xeito que unha altísima porcentaxe de persoas maiores aprenderon a utilizar whatsapp con normalidade, tamén son capaces de aprender a usar outras aplicacións”, sinala o edil do PSOE.


Neste sentido, Rey lembra que “grazas a internet, moitas persoas maiores amorteceron os efectos do confinamento con videochamadas con amigos ou cos seus fillos e netos que viven noutros países ou cidades”, e que “as empresas e administracións que programan servizos que funcionan con Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) teñen a responsabilidade de garantir o dereito a acceso das persoas maiores e de deseñar os programas dixitais tendo en conta as discapacidades da terceira idade, xa que non tódalas aplicacións son accesibles”.


Entre as accións para visibilizar esta campaña, a Concellería de Benestar Social ten previsto sacar e difundir en redes sociais o vindeiro 17 de maio unha foto cos usuarios e usuarias dos cursos da Aula de Informática pertencentes ao colectivo de persoas maiores.