‘O monte é teu’ renova programación e enche os parques forestais da Fracha, da Tomba e do Pontillón de actividades

130
Orientación, roteiros, visionado de estrelas ou divulgación da fauna e flora son algunhas das citas que serán desenvoltas ao longo dos próximos dous meses, do 21 de maio ao 19 de xuño
Cada semana haberá dúas citas, sábado e domingo, que procurarán poñer en valor estes espazos naturais, amais de fomentar o ocio, o deporte e o lecer entre a veciñanza 

O Concello de Pontevedra continúa a súa aposta activa polo aproveitamento dos montes á hora de crear novos espazos para a veciñanza de ocio e de lecer. Hoxe, o concelleiro de Montes, Alberto Oubiña, presentou unha nova xeira de actividades ‘O monte é teu’ que funcionarán como un reclamo de citas eclécticas e variadas á hora de tentar amosarlle a toda a Boa Vila os parques forestais do Pontillón, A Tomba e A Fracha.

Ao longo dos vindeiros dous meses, serán desenvoltas unha ducia de actividades que promocionan e lembran a construción neste mandato de dous novos parques forestais como son A Fracha máis A Tomba, «ademais de poñer en valor un parque xa existente como é o Pontillón do Castro que levaba dez anos construíndo pero precisaba dun amaño», explica Oubiña. «É lóxico habilitar un contrato de mantemento, como xa anunciamos no seu día, e que xa foi adxudicado por 340.000 euros para un contrato de tres anos; e garante ter sempre xente no monte, traballando e arranxándoo».

«Lograda esa parte de construción e de mantemento, é importante a idea de dinamización. Por que? Por diferentes motivos: dunha banda para fomentar o coñecemento destes espazos, para facer que o monte sempre teña xente gozando del e tamén previr lumes, actos vandálicos, etcétera; e tamén para valorizalo. Temos tres parques distintos, tres parques únicos que xeran oportunidades de traballo pero tamén de ocio e de deporte», indica o edil.

O 21 de maio será iniciado o novo programa, coa actividade ‘Buscando o Norte: actividades de orientación con mapa’, na Tomba. Unha cita para persoas adultas, que comezará ás 10.30 horas. 

Vai haber dúas actividades por semana, unha de sábado e outra de domingo, tratando de chegar a diferentes públicos, tanto familias con crianzas, como persoas adultas. Alén da xa nomeada cita de orientación, o programa inclúe accións de divulgación de flora e fauna, roteiros ou visionado de estrelas. «Por destacar algunha das novas actividades, podemos citar a do 29 de maio, no parque forestal da Tomba, en Campañó, que haberá un obradoiro de imprenta ambulante súper creativo sobre as aves. Unha actividade na que levan unha furgoneta que conta cunha imprenta das antigas, móntana e todas as persoas que asistan poderán deseñar unhas propostas gráficas coas aves que temos neste espazo», explica o edil de Montes. «Pon en valor a fauna e a flora pero tamén pon en valor o patrimonio natural da zona. Está focalizada a persoas adultas, pero tamén poden estar asistir con crianzas. Ora ben, hai que levar roupa que se poida manchar».

Outro exemplo de nova actividade será, na Fracha, no Bike Park, a xornada de iniciación enduro e DH. Unha cita na que probar por vez primeira —ou segunda e terceira— o descenso en bicicleta por montaña, onde serán impartidas nocións teóricas básicas de control e posicionamento, para logo poñelas en práctica no propio lugar. Estará presente Eva Castro, campioa de España de 4X, deportista internacional, que dinamizará a actividade e animando á xente a achegarse até esta práctica deportiva. 

O novo programa conta cun orzamento de preto de 13.000 euros. Todas aquelas persoas que queiran apuntarse nas actividades poden facelo a través da canle habitual, https://apuntate.pontevedra.gal/ ou desde a web de montes https://montes.pontevedra.gal/.

«Estamos traballando xa en melloras dos parques forestais, pero irémolo comentando unha vez teñamos pechados todos os proxectos. É unha sorte ver como estes espazos van medrando, como cada vez son máis coñecidos pola veciñanza e ver como a xente asiste e participa é algo moi positivo», finalizou o edil.