O Concello saca peito coas xogadoras pontevedresas da Selección Galega de Fútbol Sala Sofía Rozas e Estela Fernández

154

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiu esta mañá no Concello a dúas xogadoras pontevedresas de fútbol sala que comparten equipo, o Poio Pescamar FS, e tamén o feito de defender as cores da Selección Galega da disciplina: Sofía Rozas, convocada en categoría Cadete, e Estela Fernández, en categoría Infantil. O edil socialista, que lles fixo entrega dun agasallo conmemorativo, felicitou ás xoves xogadoras “por visibilizar o enorme nivel que o deporte feminino, e neste caso o fútbol sala, ten na nosa cidade, facendo que todos poidamos sentirnos orgullosos e sacar peito da súa meteórica evolución e de que representen a Pontevedra por España adiante”.

Fernández aproveitou para “recoñecer o esforzo que fan os clubs, os pais e as nais, que están aí e sen os cales sería practicamente imposible que este tipo de deportes puidesen subsistir” e desexoulles ás xogadoras “que sigan os éxitos, que se manteñan, que desfruten do deporte e que sexa un elemento máis na súa vida que lles axude a medrar como persoas”.


Tanto Sofía como Estela completaron fantásticos campionatos de España coas súas respectivas seleccións galegas (no caso da segunda chegando a acadar o subcampionato) e agora afrontan tamén as correspondentes finais co Poio Pescamar FS. Tal e como explicou Sofía Rozas, na Selección Galega Cadete “tiñamos bastantes boas expectativas, xa que fomos o equipo que máis partidos xogou, porque xogamos tres e gañamos os tres contra Madrid, pero despois os cruces non foron moi favorables, ao tocarnos contra Cataluña e nese partido comezamos gañando ata o final, que perdemos”. “Eu coido que as sensacións foron boas, así que a seguir. A final co meu club, o Poio, será contra o Castro de Lugo, un partido que vai ser moi difícil, pero que se xogamos ben se pode sacar adiante”, sinalou Rozas.


Coa súa medalla de prata ao pescozo, Estela Fernández asegurou que o partido da final Infantil, tamén contra Cataluña, “foi moi reñido, pero complicámonos moito e ao final nos gañaron”. A porteira cre que a final que o Poio Pescamar FS xogará contra o Amarelle de Coruña será tamén “moi complicada e reñida”, pero amósase convencida de que o éxito pasa por “xogar ben, como sabemos”.