Os Xardíns que Falan tamén queren converterse en talismán para o ascenso do Club Cisne Balonmán

65

Os Xardíns que Falan convertéronse en talismán para os clubs deportivos da cidade. Despois de darlle forza e folgos ao Pontevedra CF para ratificar o seu ascenso a Primeira RFEF, o proxecto impulsado polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, para converter as zonas verdes de Pontevedra en espazos vivos, dinámicos e comprometidos, quixo poñer agora o seu gran de area para que o Club Cisne Balonmán poida selar canto antes o seu ascenso a Asobal e, con tal motivo, os xardíns da Praza de Ourense amenceron esta mañá cunha portería, uns fermosos arranxos florais e varios carteis de apoio ao equipo pontevedrés ante os últimos partidos que lle quedan por diante (o seguinte será o que o enfronte mañá ás 19:30 horas co EÓN Balonmán Alicante no campo deste último), lembrando tamén o recente ascenso acadado polo Pontevedra CF. Entre as frases de apoio que flanquean o escudo do Cisne pódense ler ‘Orgullo do noso’ e ‘Forza ao CB Cisne no seu ascenso’.


Ata o lugar desprazáronse o propio concelleiro Iván Puentes e os seus compañeiros Yoya Blanco e Marcos Rey, edís de Turismo e de Benestar Social, para desexarlles a mellor das fortunas en persoa aos xogadores Román Arboleya, Daniel Neves e Nico Samudio, volver conxurarse cos Xardíns que Falan e sacar unha foto para o recordo desta fazaña. Tal e como explicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “hoxe reformulamos este Xardín que Fala da Praza de Ourense para conxurarnos novamente ante un éxito dun equipo destacado da cidade, que leva o nome de Pontevedra por España adiante, como é o Cisne, que como todo o mundo sabe está a xogarse ese ascenso que todos desexamos á Liga Asobal, que ten moi feito: dispón aínda de tres partidos, de tres oportunidades, para poder conseguilo, pero podería ser xa esta fin de semana de xeito matemático”.


“Parece que estes Xardíns lle deron boa sorte ao Pontevedra CF, así que agora queremos repetir sorte co Cisne e poder ter un equipo da cidade na máxima categoría. Agardamos poder celebrar cunha grande festa ese ascenso para o club e ese éxito para cidade, porque, como sempre digo, un equipo en máxima categoría supón un éxito deportivo pero tamén actividade económica e emprego”, asegurou Iván Puentes.


Para Román Arboleya, “é un orgullo para min pertencer a este equipo e para todos nós poder estar na primeira categoría do balonmán español e festexalo como se debe”. “Restan varias xornadas, aínda non hai nada decidido, queda marxe de erro, e debemos pelexar os tres partidos que nos quedan como se fora o último”, apuntou o xogador do Cisne.