A praza Arturo Souto ábrese á veciñanza cunha festa inaugural

200

Será este venres, 20 de maio, a partir das 17.30 horas. Haberá festa infantil e un concerto de Jazz, ademais de varias accións previstas polos establecementos comerciais da praza. 

O Concello de Pontevedra organiza unha festa para a celebrar o remate e apertura da praza Arturo Souto, situada ao carón de Loureiro Crespo o vindeiro venres, 20 de maio, a partir das 17.30 horas. Ademais das actividades promovidas polo Concello (festa infantil e concerto), os establecementos da praza volcaranse co evento decorando e organizando accións propias que contribuirán a dinamizar e a dar a coñecer o novo estado da praza.

A proposta municipal comeza ás 17.30 horas cunha festa infantil organizada polo Galpón Lab pensada para que os nenos e nenas de Loureiro Crespo tomen o barrio e se apropien da praza facendo obradoiros de creatividade e psicomotricidade.

A partir das 19.30 horas, SPJ Group ofrecerá un concerto de jazz.

Os establecementos comerciais da praza tamén queren participar da festa, así que locais como Ladeleo ofrecerá cócteles e unha gran paella para que todos os veciños e veciñas da praza e da rúa, e todos os pontevedreses que se queiran achegar poidan gozar dunha tarde diferente.