O Chedeiro e a Concellería de Educación colaboran nun libro monográfico que dará a coñecer o rico patrimonio e historia a parroquia de Cerponzóns e que verá a luz no último trimestre do ano

90

Co obxectivo de continuar dando a coñecer e poñendo en valor o patrimonio e historia de Cerponzóns, a Asociación Cultural O Chedeiro, da man do seu secretario, Juan José Esperón, está a levar a cabo un proxecto de investigación e inventariado dos tesouros etnográficos da parroquia. Este traballo, financiado pola Concellería de Educación do Concello de Pontevedra, recollerase nun libro monográfico que verá a luz no último trimestre do ano.

A investigación etnográfica, de inventariado de bens e de elaboración da monografía correrá a cargo do antropólogo Rafael Quintía, da empresa Ab Origine (Antropoloxía, Produción e Xestión cultural SLL).  No libro recolleranse e describiranse elementos patrimoniais tales como os cruceiros, os muíños, os hórreos, as fontes e lavadoiros, os pombais ou as pontes e pontellas, entre outros bens de interese etnográfico. Á vez, e para contextualizar estes elementos, na publicación farase un percorrido polos seus usos e características máis salientables.