O Ganapán volve esta fin de semana ao Mercado de Abastos cuns talleres de cociña ideais para os amantes do chocolate

5

O programa de lecer infantil para nenos e nenas de 4 a 10 anos O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, regresa esta fin de semana ao Mercado de Abastos cuns talleres de cociña que farán as delicias dos amantes do chocolate. Así, para a xornada do sábado 21 de maio está previsto un obradoiro de elaboración de trufas de galleta e chocolate, mentres que na do domingo 22 os pequenos aprenderán unha receita de muffins integrais de chocolate, unhas madalenas perfectas para gozar sen remorsos dun almorzo ou unha merenda saudable e nutritiva.


Segundo apunta a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, “esta sedutora oferta de talleres completarase, no Espazo Crea, cun obradoiro de creación de coloridas buxainas (o sábado) e outro no que a rapazada terá ocasión de realizar uns orixinais robots con rodas (o domingo)”. Tódalas actividades darán comezo ás 12:00 horas e para participar nas mesmas será necesario reservar praza previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración do taller, indicando posibles alerxias ou intolerancias. Recoméndase portar friameira para levar a casa as receitas cociñadas.