O Concello rehabilitará o edificio do antigo conservatorio para crear un laboratorio da creatividade

144
O proxecto conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros dos para os que se agarda unha subvención do PIREP que cubra até o 60 % dos mesmos 
O novo espazo municipal será un lugar de encontro e traballo, un lugar onde se promocionará a economía social baseada no traballo cooperativo, moderno e creativo a todos os niveis 

O edificio do antigo conservatorio da rúa Alfonso XIII será rehabilitado para crear un laboratorio da creatividade na cidade de Pontevedra. O alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, así o fixo público esta mañá de mércores, 18 de maio, na mesma planta baixa do lugar. O Concello acometerá este proxecto para o que se realizará unha solicitude de fondos dentro do Programa de  Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP).

O rexedor estimou que é posíbel que estes fondos cheguen a cubrir o 60 % do investimento total próximo aos 1.511.000 euros. «Está xa elaborado o proxecto básico e está a ser creado o de execución e, en todo, se hai fondos, perfecto; e se non este proxecto quedará no Concello quedará aquí para ser acometido con fondos propios», explicou o alcalde.

Laboratorio da Creatividade
Recreación do aspecto exterior que terá o edificio.

«Consideramos que Pontevedra ten unhas características moi concretas, sobre todo logo da actuación que levamos feita nos últimos anos, de recuperación do espazo público, un espazo de convivencia onde facemos actividades culturais, de ocio, públicas, privadas; pero tamén de actividade económica, polo que consideramos que Pontevedra está xa lista para dar un paso máis como cidade creativa e moderna», comentou Miguel Anxo Fernández Lores. «É necesario contar con espazo de cooperación e cohesión. Consideramos que podemos crealo, un espazo de calidade onde se poida reunir tanto a iniciativa pública como a privada, en relación coa actividade económica dunha cidade 4.0. Temos tamén unha Universidade que está a desenvolver o Campus Crea, e temos tamén interese, e así nolo fixeron chegar, de propostas privadas que demandan novos espazos onde reunirse con outros creadores e sacar adiante proxectos cooperativos».

O edificio do antigo conservatorio, que recibirá unha rehabilitación integral, conta cunha superficie útil de máis de 1.5000 metros cadrados, repartidos entre soto, planta baixa, seis andares e un espazo baixo cuberta. Será convertido nun novo equipamento público que dará acobillo a toda a corrente artística da cidade, non só cultural, senón no sentido creativo máis amplo —poidendo entrar a gastronomía neste sistema, por exemplo—, e que terá un espazo de seu, habilitado e reformado, xerando un «gran escaparate da creatividade».

Tal  e como queda recollido no proxecto municipal, o soto pasará a ser unha sala de audiovisuais e un espazo tamén para seguir acollendo o Seminario Permanente de Jazz, agrupación que hoxe desenvolve a súa actividade neste espazo. A planta baixa pasará a ser un espazo de escaparate e testeo. 

Laboratorio da Creatividade 3
Recreación da futura terraza.

As plantas 1 e 2 estarán adicadas á aceleradora de proxectos de economía social. As plantas 3, 4 e 5 serán espazos para acoller obradoiros e equipamento variado. A planta sexta estará destinada á residencia de creadores, con capacidade para unha ou dúas persoas, e realizar proxectos temporais. Os obradoiros poderán moverse entre diferentes eidos que van desde o téxtil ao deseño industrial ou a carpintería. Por último, será habilitada unha terraza na planta superior, no que hoxe é o baixo cuberta.

Na práctica, e a nivel exterior e de deseño, a veciñanza percibirá unha mudanza total no edificio, que pasará a contar con moitísima máis luz, volvéndose ese escaparate da creatividade que quere ser, e que será.