Os socialistas Marcos Rey, Iván Puentes e Yoya Blanco clausuran en San Roque os Talleres de Memoria para Persoas Maiores desenvolvidos por Benestar Social nos barrios e parroquias de Pontevedra

60

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, o de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e maila edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, achegáronse esta mañá ata o Centro Cultural de San Roque para participar na xornada de clausura dos Talleres de Memoria e Comunicación Asertiva para Persoas Maiores desenvolvidos polo Concello en colaboración co colectivo Acolle nos barrios e parroquias de Pontevedra. O programa municipal de formación de habilidades memorísticas, destinado a maiores de 60 anos sen problemas de memoria vencellados a demencias, púxose en marcha a principios de ano e foi impartido nos locais sociais e veciñais de Lérez, Marcón, Bora, A Parda, Centro Sur, Mourente, Ponte Sampaio, Tomeza, Estribela e Salcedo, así como no Casino Mercantil e en San Roque.

Segundo indicou Rey, “unhas 200 persoas maiores participaron nesta nova quenda de talleres preventivos, cos que buscamos garantir que poidan saír da casa, xuntarse, traballar a memoria e exercitala para mantela en boa forma”. “Por suposto, a Concellería de Benestar Social ten a intención de continuar organizando estes obradoiros”, avanzou o edil do PSOE.