Promoción Económica volve impulsar novos cursos de balde para desempregados sobre ‘Operacións básicas de restaurante e bar’, ‘Aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios’ e ‘Operario de almacén + Carretilla elevadora’

45

Na súa contundente aposta pola formación como ferramenta para optimizar a empregabilidade dos pontevedreses e pontevedresas e trala boa acollida dos diversos cursos desenvolvidos ao longo destes meses, a Concellería de Promoción Económica e Turismo volve impulsar tres novas accións formativas de balde en ámbitos cunha elevada demanda de man de obra. Dándolle continuidade á súa frutífera colaboración coa academia Ara Formación, o departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco organizou unha formación sobre ‘Operacións básicas de restaurante e bar’ que dará comezo o vindeiro 30 de maio, unha de ‘Aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios básico (orientada ao rural)’ que se iniciará o 13 de xuño e outra de ‘Operario de almacén + Carretilla elevadora’ que se porá en marcha o 17 de outubro.


Tal e como apunta Blanco, estes cursos, de carácter presencial, enmárcanse dentro do Proxecto Iles (Iniciativa Local de Emprego Social) e “os destinatarios serán prioritariamente desempregados/as empadroados/as no noso municipio, que poderán inscribirse a través do email administracion@proxectoiles.es, indicando no asunto a formación na que desexan apuntarse (por exemplo, ‘Ref: Operacións Básicas de Restaurante e Bar’) e proporcionando a seguinte información: nome e apelidos, DNI, dirección, teléfono, correo electrónico, antigüidade no paro e volante de empadroamento”.

A actividade formativa de ‘Operacións básicas de restaurante e bar’ terá unha duración de 120 horas (80 teóricas e 40 prácticas), desenvolvéndose entre o 30 de maio e o 20 de xuño, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Entre outras cuestións, abordaranse a aplicación das normas e condicións de seguridade nas zonas de produción e servizo de alimentos e bebidas, o cumprimento das normas de hixiene alimentaria e manipulación de alimentos, a limpeza de instalacións e equipos, o uso de uniformes e equipamento persoal de seguridade e a utilización da dotación básica do restaurante e asistencia no preservizo.


O curso de ‘Aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico (para o rural)’ terá lugar entre os días 13 e 20 de xuño, en horario de 18:00 a 21:00 horas, cunha duración de 25 horas e unha clase de repaso antes do exame, que será o 29 de xuño. Trataranse aspectos como as principais pragas e enfermidades que afectan aos cultivos e os danos que producen, a clasificación, etiquetado e fichas de datos de seguridade dos produtos fitosanitarios, os seus riscos para o medio ambiente, os métodos de control, a peligrosidade para as persoas, o transporte e almacenaxe, os métodos e equipos de aplicación, os produtos ilegais e as infraccións, sancións e delitos.


No que atinxe á formación de ‘Operario de almacén + carretilla elevadora’, terá unha duración de 97 horas (57 teóricas e 40 prácticas), desenvolvéndose entre os días 17 e 28 de outubro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. “Este curso tivo unha moi boa acollida e unha elevadísima demanda nas súas primeiras edicións e nel abórdanse cuestións como a loxística de aprovisionamento, os tipos de almacéns e os principios da almacenaxe, os procesos involucrados na distribución, a xestión de stocks, a condución de carretillas elevadoras, a prevención de riscos laborais ou o control da calidade na loxística”, avanzou a socialista Yoya Blanco.