Volven os Xogos na Rúa para a cativada de oito barrios da cidade e actividades en maio e xuño

598

A programación comeza o vindeiro martes cun Xogarrúas e a celebración o Día Internacional do Xogo (28 de maio) con xogos tradicionais dos cinco continentes.

O II Campionato Xogos na rúa Efecto PO2 terá lugar na fin de semana do 11 e do 12 de xuño en 8 barrios, tres máis que na primeira edición.

Xogos na rúa é unha iniciativa da Concellaría de Promoción da Cidad que convida aos nenos/as e maiores a converter o espazo público nun punto de encontro lúdico e inter-xeracional e contribúe a construír o barrio. 

O Concello de Pontevedra convoca a todos os cativos e cativas a participar na segunda edición de Xogos na rúa, unha proposta da Concellería de Promoción da Cidade, que dirixe Anabel Gulías, ao abeiro da Estratexia PO2 que busca amosar as múltiples posibilidades que ofrece o espazo público da cidade como xogar nel con seguridade.  A cativada e os maiores, é dicir, as familias terán unha cita a partir do vindeiro martes, nas rúas, prazas, parques… en definitiva, no espazo público, para compartir xogos, risas e diversión ao tempo que constrúen barrio.

Xogos na rúa 2022 contempla tres actividades entre os meses de maio e xuño:

  • Xogarrúas: 24 de maio entre 17.30 e 19.30 horas
  • Xogos do mundo. 28 de maio (Día Internacional do Xogo), de 11.00 a 13.00 horas
  • I Campionato interbarrios Xogos na rúa Efecto PO2: 11 e 12 de xuño

Xogarrúas. 24 de maio, de 17.30 a 19.30 horas.

Trátase dun desfile promocional das actividades programadas en Xogos na rúa nos meses de maio e xuño. Terá tres paradas nas que o monitorado convidará a pequenos e grandes a xogar con pelotas xigantes, panos e cordas.

Comezará na praza da Cítara (1ª parada), baixará pola rúa Estrada ata a pasarela Doce de Novembro (2ª parada) e irá por Loureiro Crespo ata praza do Hospital (3ª parada).  

Xogos do mundo. 28 de maio (Día Internacional do Xogo), de 11.00 a 13.00 horas.

Neste día Xogos na Rúa levará a tres barrios da cidade unha escolma de xogos tradicionais dos cinco continentes: o das pirámides, o xogo de pelota, as estatuas, o gato e o rato. Os participantes recibirán unha explicación sobre o xogo e a súa orixe. 

As citas cos xogos do mundo serán en: 

  • Mollabao, na pista de skate
  • A Moureira-San Roque, na rúa raíña Vitoria
  • Monte Porreiro, no paseo do Miradoiro

II Campionato interbarrios

Co cambio de mes chega o II Campionato interbarrios Xogos na rúa Efecto PO2. En dúas xornadas, na fin de semana do 11 e 12 xuño, os equipos medirán as súas habilidades en xogos tradicionais como corda, colleita de mazaroca, o pano, tiro de argola…

1ª xornada do Campionato. Sábado, 11 de Xuño, de 11.00 a 13.00 horas. Dispútase o campionato ao tempo nos oito barrios:

  • Monte Porreiro, paseo do Miradoiro
  • Valdecorvos-O Castañal, na praza das Regas
  • Pontevedra Leste, na pasarela Doce de novembro
  • O Gorgullón-Eduardo Pondal, na rúa Pedro Sarmiento de Gamboa
  • Campolongo, paseo detrás da igrexa entre a rúa Alcalde Hevia e a as pistas do Colexio
  • A Moureira-San Roque, rúa Raíña Vitoria
  • Mollabao, pista do skate

2ª xornada. Final na praza do Concello. Domingo, 12 de Xuño, de 11.00 a 13.00 horas. Os gañadores da primeira xornada en cada barrio, competirán pola copa do campionato na praza do Concello nesta segunda  xornada.

No campionato poderán participar familias ou grupos de amizades cando menos cun neno/a maior de 3 anos e menor de 12 anos e unha persoa adulta ao cargo. O equipo deberá ter un mínimo de 3 persoas co fin de que podan participar dun xeito activo en todas as propostas.

Para participar no campionato é preciso inscribirse (nas dúas anteriores actividades non é necesario). A inscrición será de balde e obrigatoria a través  de apuntate.pontevedra.gal

No primeiro campionato interbarrios, celebrado en xuño de 2021, participaron 5 barrios. Dado o seu éxito de asistencia, a Concellaría apostou por ampliar os espazos de xogo chegando a Valdecorvos-Castañal, A Moureira-San Roque e Mollabao.

O campionato pecha o primeira parte de Xogos na rúa 2022, que ten previsto regresar no outono con novas propostas como: xogos de outono (xogos tradicionais de diferentes zonas de Galicia), un escape barrio, a procura do tesouro ou unha xincana interbarrios.

Na segunda parte tamén se realizará un Xogarrúas promocional arredor do mes de setembro para anunciar as novas actividades previstas até final de ano.