Os alumnos da cidade exhibirán o seu talento científico na Escola de Forestais a vindeira fin de semana durante a IX edición da Feira da Miniciencia ‘Pontenciencia’

181
  • Dez colexios de Primaria participarán no certame na modalidade de Ciencia no Cole con 18 investigacións, nove centros de Secundaria farano na categoría de Xoves Investigadores con 13 e doce familias na de Ciencia en Familia con cinco
  • O evento terá lugar o venres 27 e o sábado 28 e incluirá un acto de entrega dos Premios de Investigación 2022 ‘Homenaxe á muller investigadora’, patrocinados por Hifas da Terra, Viaqua, Setga, Marine Instruments e Cristalería Pontevedresa

A Escola de Enxeñería Forestal do Campus Universitario de Pontevedra acollerá os vindeiros venres 27 e sábado 28 de maio as presentacións dos traballos de investigación realizados no marco da IX Feira da Miniciencia ‘Pontenciencia’. O concurso, co que se busca visibilizar e poñer en valor os proxectos realizados, contará coa participación de dez colexios de Primaria na modalidade de Ciencia no Cole, que defenderán 18 investigacións; nove centros de Secundaria na categoría de Xoves Investigadores, con 13 investigacións, e doce familias na modalidade de Ciencia en Familia, con 5 investigacións.

O programa de Pontenciencia 2022 foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez, o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, e representantes das empresas colaboradoras desta feira da ciencia: Begoña Vila, da Área de TIC de Marine Instruments; Casimiro González, xerente territorial Centro-Sur de Viaqua; Manuel Fernández Rascado, director xerente de Setga; Esteban Sinde Stompel, vicepresidente e chief research and innovation officer de Hifas da Terra, e Elisa Barbeito, de Cristalería Pontevedresa. Tal e como lembrou Tino Fernández, “esta iniciativa, que chega xa á súa novena edición, ten o obxectivo de desenvolver o pensamento investigador, poñendo ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que proxectan unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación”.

Segundo explicou o edil socialista, a feira, impulsada pola Concellería de Educación e a Deputación Provincial e financiada a través da ‘Convocatoria de axudas para o programa de cultura científica e da innovación’ da Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt) do Ministerio de Ciencia e Innovación, dividirase en tres sesións:

  1. Ciencia no Cole: o venres 27, en horario de 10:00 a 14:30 horas, terá lugar a presentación ao xurado dos proxectos de investigación experimentais e documentais por parte dos alumnos dos centros de ensino de Primaria (5º e 6º curso). Os dez centros que participan son os CEIP Santo André de Xeve, San Martiño, Froebel, Marcón, Ponte Sampaio, San Benito de Lérez e A Xunqueira II e os CPR Calasancio, Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra e Sagrado Corazón de Praceres.
  2. Xoves Investigadores: o venres pola tarde, de 16:30 a 19:30 horas, exporanse ao xurado, aos outros participantes e ao público asistente (a feira está aberta á cidadanía e ten entrada libre) os proxectos presentados aos Premios de Investigación 2022 ‘Homenaxe á muller investigadora’ (cinco galardóns patrocinados por Hifas da Terra, Viaqua, Setga, Marine Instruments e Cristalería Pontevedresa). Os nove centros de Secundaria que concorren neste certame son os IES Luís Seoane, Frei Martín Sarmiento, A Xunqueira II, Montecelo, Torrente Ballester e Valle Inclán, o CPR Sagrado Corazón de Praceres, o CIFP Carlos Oroza e o CFEA de Lourizán.
  3. Ciencia en Familia e acto de entrega de premios: o sábado 28, de 10 a 14:30 horas, presentaranse a xurado e asistentes os proxectos de investigación das 12 familias participantes (alumnos de Primaria de 7 a 12 anos-familiares), e celebrarase a entrega de galardóns e diplomas, así como a clausura do evento e un pincho de confraternización.

“Á hora de deliberar, o xurado valorará características tales como a orixinalidade do proxecto, a metodoloxía empregada, os resultados exhibidos… Os Premios de Investigación 2022 ‘Homenaxe á muller investigadora’ organizáronse para incentivar as vocacións investigadoras, a creatividade e o enxeño entre os máis mozos/as, así como para facer visible o esencial papel das mulleres investigadoras ou pioneiras en calquera ámbito de coñecemento. Están patrocinados por empresas que destacan polo seu labor en I+D+i e os cinco traballos coas puntuacións máis altas recibirán un premio de 300 € cada un, que achegarán as propias firmas”, indicou Tino Fernández.

O vicerreitor, Jorge Soto, agradeceu tanto ás coordinadoras da iniciativa, Saleta González Pimentel e Vanesa Estévez, como ás empresas colaboradoras, o éxito acadado por Pontenciencia e calificou esta feira como “un acontecemento moi importante para a cidade e para o Campus de Pontevedra”, que logra “unha grande implicación das familias” e que permite á cidadanía “achegarse á ciencia máis próxima, á ciencia que tódolos días é parte de nós”.

Para o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez, a implicación da Deputación neste proxecto supón “unha aposta por todo este talento e coñecemento que temos en Pontevedra e que refrendan a Universidade de Vigo e o compromiso das empresas privadas colaboradoras”. “Desde a Deputación -afirmou Rodríguez- estamos desenvolvendo proxectos de innovación e novas tecnoloxías que están a ser recoñecidos. A nosa presidenta tamén pon á igualdade como un elemento de primeira orde e nesta feira hai uns premios ‘Homenaxe á muller investigadora’. Sabemos que a muller investigadora non é moitas veces tan visible, temos referencias e falamos de investigadores, pero faltan das investigadoras, que as hai e moitas”.

Pola súa banda, o vicepresidente de Hifas da Terra, Esteban Sinde Stompel, fixo fincapé no elevado número de “investigadores e inventores de alto prestixio que temos en Galicia, pese a que en moitas ocasións nos enfocamos só como potencia turística ou de produción primaria, e que nós, como empresa de biotecnoloxía, valoramos moitísimo”. “Eu, de feito, teño ido varias veces cos meus nenos a ver os inventos -apuntou Sinde- e quedan abraiados. É o único xeito de conseguir potenciar o I+D+i en Galicia como un dos motores fundamentais, porque somos de feito a segunda comunidade de España con maior capacidade inventiva de I+D+i en biotecnoloxía por exemplo. Só Cataluña está por enriba de nós. Isto reflicte algo moi importante e para min é un orgullo ver algúns proxectos dos rapaces que teñen as ideas máis claras e maior capacidade de creatividade que algunha xente que leva en investigación 30 ou 40 anos”.

Tino Fernández lembrou que esta feira “saíu adiante hai nove anos, en 2013, polo impulso da Concellería de Educación, pero sobre todo polo entusiasmo de Saleta e de Vanesa, nun momento no que estabamos a pasar unha crise e era complicado obter axudas doutras administracións, pero aínda así, acadamos unha axuda do Ministerio e, a partir de aí, comezou a consolidarse”. O edil socialista convidou a todo o mundo a asistir, xa que “este ano recuperamos o formato doutros anos e é un auténtico espectáculo, podendo ver tódolos experimentos e as explicacións dos rapaces en directo na Escola de Enxeñería Forestal”.

Pontenciencia naceu cos obxectivos de achegar a ciencia e a innovación desde o máis próximo e o cotián, promover a comprensión de conceptos ou fenómenos científicos, despertar a curiosidade e o interese científico a nivel persoal/colectivo, estimular a participación cidadá en procesos científicos e visibilizar a ciencia entre os nenos/as e o público en xeral. Entre as accións previas á feira impartíronse uns Obradoiros de Formación no Método Científico para os escolares de 5º e 6º de Primaria e para as familias que participan cos seus fillos, e en paralelo, e constituíronse comités científicos formados por mestres/as e investigadores das facultades do Campus Universitario de Pontevedra, o Centro Oceanográfico de Vigo (Instituto Español de Oceanografía) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (Csic), que achegaron propostas de investigación a disposición dos participantes.

Ademais dos centros educativos do concello de Pontevedra, están implicadas neste proxecto as seguintes entidades participantes/colaboradoras:

– Campus Crea de Pontevedra. Universidade de Vigo


– Federación Provincial de Anpa (Fanpa)


– Misión Biolóxica de Galicia- Csic


– Unidade de Cultura Científica do Csic en Galicia


– Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas

– Fundación Confederación Empresarial de Ourense (Ceo)

– Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma)

– Campus do Mar, Asociación de Oceanógrafos de Galicia, Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental (Geoma) e facultade de Ciencias do Mar da UVigo

– Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit – Csic)

– AmarCarril