A canteira do Cisne ten unha nova oportunidade de exhibir o seu potencial ‘en casa’ e de clasificarse para a fase final do Campionato de España Cadete de Balonmán

12

Tan só un fin de semana despois de que o Club Cisne Balonmán acadase o seu ansiado ascenso a Liga Asobal, o Pavillón Municipal dos Deportes volverá exhibir un dos segredos que se atopa detrás desta xesta: o talento da súa canteira. E farao nun evento de primeiro nivel como o sector A masculino do Campionato de España Cadete de Balonmán, que lle foi concedido a Pontevedra, que se celebrará entre o venres 27 e o domingo 29 de maio e no que o equipo pontevedrés loitará por estar na fase final que se disputará do 8 ao 12 de xuño.


Como anfitrións do primeiro dos oito grupos deste Campionato (cun total de 32 clubs), os cadetes do Cisne Colexio Los Sauces terán que enfrontarse ao Abanca Ademar de León, ao Real Grupo de Cultura Covadonga e ao Club Balonmán Gáldar. Ademais de en Pontevedra, os partidos desta fase desenvolveranse en Barakaldo, Zaragoza, Sant Joan Despí, Alcobendas, Cidade Real, Alicante e Macarena.


Os encontros deste sector A masculino cadete foron presentados esta mañá no Concello nunha rolda de prensa na que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o presidente do Cisne, Santi Picallo. O edil socialista aproveitou a ocasión para volver felicitar “a toda a familia do Cisne por ese espléndido ascenso a Asobal” e lembrou “que hai vida máis aló dos sénior e no caso do Cisne hai moita vida: a houbo no sector xuvenil, que tamén se celebrou en Pontevedra porque o Cisne quedou campión galego, e vai habela no sector nacional cadete, porque o Cisne quedou campión cadete”. “Hai que felicitar a este equipo polo seu traballo. Cando se chega a acadar este nivel de competitividade e que un club estea tan presente en tódalas categorías do balonmán -asegurou Fernández-, quere dicir que as cousas se están a facer francamente ben”.


O tenente de alcalde afirmou que “imos desfrutar esta fin de semana dun balonmán emerxente, que é o dos cadetes e que a min particularmente é o que máis me gusta, porque se xoga con ese descaro e inocencia que dá gusto”. Tino Fernández apuntou que o Concello de Pontevedra “está a facer tódolos esforzos para que as diferentes fases e sectores se veñan xogar á nosa cidade, xa que é un xeito non só de atraer xente aquí, senón de dar a coñecer e ampliar a base dun deporte que é estratéxico en Pontevedra”. 


Santi Picallo amosouse moi feliz de que “os rapaces puidesen celebrar o ascenso na pista este ano” e destacou a importancia de que a cidade e o Concello os apoien e estean moi cerca do club, axudándoos a acadar un plus. “Ver o Pavillón como na final xuvenil, con case 800 persoas nas bancadas, todo preparado, os vinilos na pista e con trofeos para o mellor xogador e para o mellor porteiro, é algo que lles ilusiona moito aos rapaces e iso é posible grazas ao Concello”, asegurou o presidente do Cisne.


Picallo agarda que “esta vez, esa moeda que no Campionato Xuvenil nos saíu cruz, saia cara”, se ben “o importante é que os rapaces o pasen ben, que vaia xente a apoialos ao Pavillón e que a xente que vén de fóra desfrute da cidade e do evento”.

O Concello celebrará mañá na Casa das Campás ás 13:15 horas un acto de recepción ao Club Cisne Balonmán polo seu ascenso a Asobal.