Iván Puentes acada unha subvención de 2 millóns de euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica para o proxecto que permitirá destapar o treito urbano do río dos Gafos e convertelo nun parque do tamaño de 12 campos de fútbol de Pasarón

753

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, acaba de recibir un pulo definitivo para poder levar a bo porto un dos proxectos máis importantes e estratéxicos deste mandato, tanto polo seu volume económico como polas súas repercusións positivas para o futuro da cidade: o plan que permitirá destapar o treito urbano do río dos Gafos, ao seu paso por Campolongo, e convertelo nun fermoso parque fluvial dun tamaño de 81.000 metros cadrados, equivalente a 12 campos de fútbol de Pasarón, en pleno corazón de Pontevedra. A Fundación Biodiversidade, adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, decidiu concederlle ao departamento que dirixe o socialista unha subvención por importe de 3.760.698 euros procedente dos fondos europeos Next Generation, no marco da súa convocatoria para fomentar actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia de cidades españolas, dos que uns 2 millóns euros irán destinados a liberar o Gafos.


Tal e como anunciou o propio Puentes esta mañá nunha comparecencia para dar conta da noticia, na que estivo acompañado pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “a boa nova foi confirmada nestes días polo presidente do comité de avaliación das propostas, Ignacio Torres Ruiz-Huerta, nunha carta na que se ratifica a decisión do citado comité de incluír este proxecto na súa proposición de resolución provisional”. “De cara a acadar a condición de beneficiario definitivo -explicou o concelleiro- o Concello de Pontevedra só ten que achegar agora a documentación técnica e administrativa requirida, así como a carta de aceptación da axuda. A proposta remitida no seu día por esta Concellería contemplaba diversos proxectos cun valor total de 3.958.629,48 euros sen IVE (4.789.941,67 euros sumando o IVE), dos que a Fundación Biodiversidade financiará nun 95% tanto os 3.657.282,38 millóns que corresponden á parte do orzamento do Concello (3.474.418,25 €) como os 301.347,11 euros que corresponden ao da Universidade da Coruña (286.279,75 €), que colabora nalgún dos proxectos. Deses 3,6 millóns, o Concello de Pontevedra asumiría polo tanto o 5% restante e mailo IVE, sumando deste xeito, coa parte da Universidade, os máis de 4,7 millóns de euros que se investirán”.


Segundo subliñou Iván Puentes, “a parte máis substancial destas axudas, enmarcadas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado, uns 2,3 millóns de euros co IVE, irá destinada ao proxecto para abrir e renaturalizar o treito soterrado do río dos Gafos que discorre entre a rúa Xeneral Rubín e a igrexa de San Xosé (Praza da Constitución)”. “Non podemos estar máis satisfeitos de que unha actuación tan importante como esta, que vai transformar o corazón da nosa cidade e a mellorar a calidade de vida de tódolos pontevedreses e pontevedresas, conte non só co respaldo económico que supón unha obra destas dimensións, senón tamén co decidido apoio doutras institucións, como o Goberno de España e a Xunta de Galicia. De feito, o proxecto xa recibiu o visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e o aval de Augas de Galicia, que lle deu unha excelente puntuación e que vén de garantir a súa inclusión no Plan de Xestión de Risco de Inundación e no Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa para o ciclo 2021-2027”.


330 metros dos 540 actualmente soterrados

O plan de recuperación e restauración ecolóxica do treito urbano do río dos Gafos para o que se concedeu subvención abrangue un primeiro tramo cunha extensión de 330 metros do total de 540 que se atopan actualmente soterrados, é dicir, máis da metade dos que se pretenden recuperar. Con esta actuación lograríase avanzar na creación dun corredoiro ecolóxico en plena cidade, permitindo conectar o ecosistema natural do río dos Gafos, no seu treito periurbano (recoñecido como Espazo Natural de Interese Local), co tramo descuberto existente antes da desembocadura na ría de Pontevedra (para o que tamén hai xa en marcha unha intervención de rexeneración ambiental cun investimento de 600.000 euros). 


A proposta remitida a finais do ano pasado á Fundación Biodiversidade pola Concellería de Desenvolvemento Sostible plantexouse como un plan destinado a desenvolver a Rede Verde Pontevedra, integrando a dimensión medioambiental no medio urbano mediante a súa renaturalización, o incremento da biodiversidade e a recuperación e conectividade do espazo marítimo-fluvial, a fin de potenciar as infraestruturas verdes locais e de permitir unha maior resiliencia ante os efectos do cambio climático. Deste xeito, entre os obxectivos recollidos tamén se contempla o deseño dunha Estratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climático, que definirá a rede de espazos verdes e áreas naturais do conxunto urbano e ademais incorporará as actuacións necesarias a fin de potenciala e mellorala durante as vindeiras décadas. “Unha sorte de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) -precisou Iván Puentes-, pero de espazos verdes, á que se destinará unha achega de 91.581,74 euros (110.813,90 euros co IVE) e que é un documento estratéxico que a UE nos vai esixir a partir de agora para calquera candidatura de fondos europeos que teñan como finalidade o compoñente medioambiental”.


Ademais, entre as accións concretas recóllense a mellora ecolóxica e paisaxística no contorno do parque de Rosalía de Castro e a avenida de Compostela (a carón do Lérez), coa inclusión dun sistema de drenaxe sostible, cun orzamento de 923.456,51 euros (1.117.382,37 € con IVE); a restauración ecolóxica da marisma da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras como acacias, eucaliptos e cangrexo americano, cun orzamento de 304.571 euros (uns 368.530 € con IVE), e a recuperación ecolóxica e de fomento da biodiversidade dos parques situados nos antigos terreos de Tafisa e no contorno do edificio administrativo da Xunta (parque de María Vinyals), cun orzamento de 157.569,40 euros (máis de 190.000 € co IVE).


Unha realidade antes de xullo de 2025

Iván Puentes asegurou que o Ministerio marcou como prazo “para transformar estes 3,7 millóns de euros en obras e accións concretas o mes de xullo do ano 2025, é dicir, temos tres anos por diante para poder executar estes proxectos”. “Dito doutro xeito, dentro de tres anos, agardemos que antes, o río dos Gafos estará liberado no seu primeiro treito. Polo tanto, isto que levamos falando durante moito tempo como un proxecto de cidade, como unha utopía e como algo no que moitas persoas non crían que fose posible facelo -subliñou o concelleiro do PSOE-, hoxe podemos dicir que a liberación e a renaturalización do río dos Gafos non ten volta atrás. É unha decisión tomada e para a que xa temos absolutamente todo, ata os cartos, que é o máis importante e o máis difícil de acadar”.


O edil socialista destacou que, aos case 5 millóns de euros de financiamento da Fundación Biodiversidade, hai que sumar outros 3 millóns de euros de fondos europeos xa concedidos ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino das concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Turismo (2 millóns) e polo proxecto para actuar no Ben de Interese Cultural (BIC) das ribeiras do Lérez (1 millón). “Falamos de case oito millóns de euros conseguidos por estas concellerías -apuntou Iván Puentes- para investir en Pontevedra nos vindeiros anos. Este Concello celebrou no seu día a bombo e platillo, con motivo, a consecución duns fondos Edusi que supuxeron dez millóns de euros e que se traduciron en varios dos investimentos máis importantes que se fixeron desde finais do mandato anterior e durante todo este mandato… Polo tanto, isto equivale á consecución dun novo fondo Edusi e duns cartos que transformarán esta cidade desde o punto de vista verde, medioambiental e turístico”.