O Concello aprobará no pleno deste xoves a modificación de crédito que lle permitirá ter a maior cifra para investimentos da súa historia

23
O concelleiro de Facenda e Economía, Raimundo González, indicou que tamén foi aprobada unha  rebaixa do 3,26 % no recibo da recollida de residuos municipais

No día de hoxe, o concelleiro de Facenda e Economía, Raimundo González, deu conta da Comisión de Economía e Facenda celebrada o luns, 23 de maio, no Concello de Pontevedra. Na reunión foron tratados diversos temas, entre eles, o relativo á modificación de crédito de 11.274.000 euros que previsiblemente será aprobada no vindeiro pleno.

«Só dicirvos que esta modificación, maioritariamente, é investimento. Da cantidade total, máis de 9 millóns son investimentos e uns 300 mil euros son de transferencias de capital. Situamos os investimentos, neste intre e polo tanto, sen contar posíbeis subvencións e fondos next generation que poden saír e que van saír ao longo do ano, en 37.273.000 euros», lembrou González. «Nin que dicir ten que é a cifra de investimentos máis alta que eu recordo, polo tanto a máis alta da historia».

Segundo o comentado polo edil de Facenda, estes investimentos xerarán e crearán máis de 200 postos de traballo —se ciframos o posto de traballo en 60 mil euros—, de traducir ese investimento en termos laborais absolutos. «Estes cartos farán de antídoto, de inxección para a nosa economía neste momento de crise, coa idea de dinamizar a actividade produtiva. Esa é a idea fundamental desta modificación de crédito».

González sinalou que a maioría destes investimento serán terán como destino o rural de Pontevedra, máis de 3 millóns, e case 4 millóns irán para os barrios. Na comisión celebrada este luns, a modificación foi aprobada cos votos dos membros do Goberno Municipal, BNG e PSOE, votando en contra os concelleiros do Partido Popular.

Rebaixa no recibo da recollida de residuos municipais 

Doutra banda, o concelleiro de Facenda, informou da aprobación unánime na comisión da diminución dun 3,26 % no recibo da recollida de residuos municipais. O Concello de Pontevedra deixa de ingresar 202.583 euros, segundo os cálculos da tesourería municipal.

Esa baixada ten a orixe na posibilidade que dá o canon de Sogama, que incentiva ás administracións locais para que se comprometan a reducir a produción de residuos. «

A rebaixa farase efectiva no recibo bimensual de decembro. Seguindo a explicación de González, «no bimestre que inclúe novembro e decembro se lle desconta a cada domicilio urbano 4,29 euros, a un comercio serían 8,19 euros e a un bar o restaurante serían 16,07 euros». Este punto da comisión foi aprobado por unanimidade.