O Concello dá un salto de calidade na xestión deportiva co lanzamento da nova páxina web do Servizo Municipal de Deportes

151

Un novo espazo electrónico fará medrar desde hoxe o carácter deportivo da páxina web do Concello de Pontevedra grazas ao lanzamento de https://deportes.pontevedra.gal/, unha xanela electrónica especializada en tódolos asuntos que concernen á Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde. O novo espazo online resume e facilita un gran número de datos, organizados de xeito que os usuarios teñan unha experiencia doada, abranguendo as seccións de Contidos Históricos, Infraestruturas, Clubs, Escolas Deportivas, A Vida é Movernos, As Clásicas, O MetroSán e Por Libre, así como tres directorios: un deles máis institucional e descritivo, un segundo índice de aspectos destacados da actividade deportiva e outro dedicado a perfís de directivos e directivas de clubs, deportistas, persoas que están ou estarán en Pontevedra de paso, voluntarios, nais ou pais.


A nova páxina do Servizo Municipal de Deportes foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron o seu xefe, Jaime Agulló, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, quen asegurou que “a web está concibida como un espazo vivo, que irá mellorando ao longo do tempo, e que ofrecerá aos usuarios unha experiencia de acceso moi sinxela”. En opinión do edil socialista, este espazo online supón “un salto cualitativo importantísimo dentro do Servizo de Deportes, un salto de calidade na xestión do deporte de Pontevedra, no achegamento de todo o que fai e se vai facer e de toda a información que os usuarios precisan, aclarándoa e facéndoa moito máis doada e incidindo na liña de estar presentes e de seguir sendo referentes no ámbito do deporte en Galicia, no Estado e a nivel internacional”.


“Esta páxina vainos seguir axudando a avanzar nese camiño. Quero transmitirlle o meu agradecemento a todo o Servizo de Deportes, porque esta é unha cuestión que levou moito tempo, á que se lle deu moitas voltas, para que fora o máis atractiva e fácil posible”, apuntou Fernández, que animou a todo o mundo “a participar e a entrar nesta páxina, xa que a mellor forma de coñecer as cousas é entrar nelas”, podendo ademais deixar as súas achegas e suxestións, xa que “existe un espazo na propia páxina para indicarnos todo aquelo que podemos mellorar ou que se pode facer doutro xeito”.


Para Jaime Agulló, esta web “é unha xanela aberta a tódalas persoas que están interesadas na práctica da actividade física e deportiva no noso concello, tanto de dentro como de fóra de Pontevedra”. “Non pretende ser unha páxina institucional -subliñou o xefe do Servizo de Deportes-, senón unha web moi activa e dinámica, que pretende poñer en valor todo o que Pontevedra e os seus cidadáns impulsan neste eido e que converten á propia cidade nunha grande instalación deportiva. A web mantén unha estrutura moi clásica: unha cabeceira cun menú principal (Inicio, A Concellería, Clubs, Espazos, Escolas Deportivas, Subvencións, Por Libre, Saúde e Descargas), un menú secundario diferenciado cromaticamente en cinco bloques (Axendas, Eventos, Clásicas, A Vida é Movernos e Historias) e outro menú secundario de Perfís específicos; un corpo central, e un pé, para que calquera que se achegue a ela non teña dúbidas de como chegar e a onde chegar, evitando iconas raras”.


As seccións que compoñen a web https://deportes.pontevedra.gal/ son:


– Contidos históricos. Ademais de toda a parte informativa, aproveitouse a ferramenta para ofrecer unha xanela electrónica con certos contidos históricos que irán medrando co tempo no capítulo ‘Historias do deporte pontevedrés’, con novidades que se publicarán de cando en vez. Estes contidos, como outros da web, serán difundidos a través das redes sociais coa finalidade de que as persoas interesadas podan coñecer aspectos da memoria deportiva da cidade que non deben perderse.


– Infraestruturas. As infraestruturas municipais aparecen reflectidas en fichas das instalacións, pero tamén hai referencias a instalacións doutras institucións públicas e privadas, entre as que se inclúe unha cumprida relación dos ximnasios e empresas deportivas. Tamén hai un capítulo especial dedicado ao deporte ao aire libre, con especial referencia a Metrosán, o sistema de planos e rutas para moverse polos espazos naturais do municipio. En total, máis de 50 fichas específicas, ademais dos ximnasios. Nesta xanela de infraestruturas teñen un protagonismo as instalacións máis utilizadas como o Centro Deportivo Municipal de Campolongo, os campos de fútbol Manolo Barreiro, o Multiúsos da Xunqueira ou o Pavillón Municipal.


– Clubs. Outra das grandes fontes informativas deste primeiro índice é a dos clubs, xa que se publican referencias de cada un agrupados por disciplinas deportivas. En principio, publícanse só os datos principais como webs, cando a teñen, e en todo momento dispoñen dun sistema moi sinxelo para comunicar ao Servizo os datos que desexan incluír ou modificar, para que sexa cada persoa ou cada club o que teña o control desa información, respectando o dereito á privacidade das persoas responsables.


– Escolas Deportivas. As escolas deportivas merecen tamén un capítulo nesta primeira área pública, que exhibe información das existentes e outros datos relacionados con esa actividade deportiva de base para as persoas máis noviñas.


– O Metrosán. Mención especial merece o Metrosán, pola cantidade de recursos que se atopan a disposición das persoas: todo o material xerado listo para descargar, os consellos, o plano de cada ruta, as ortofotos e os fitpoints, en total uns 70 elementos distintos. Nas columnas informativas incorporaranse proximamente códigos QR para que as persoas podan acceder facilmente a este material.

– A vida é movernos. No apartado de saúde hai referencias ao programa municipal de actividades ‘A vida é movernos’, así como á Feira da Saúde e ao manifesto do Día Mundial da Saúde, que se celebra o 7 de abril. Tamén existen links a contidos relacionados coa vida sana, como o Metrosán ou as entidades públicas relacionadas coa prevención socio sanitaria, que figuran na web de Benestar Social. O capítulo ‘A vida é movernos’ ofrece non só referencias a este programa de actividades, senón tamén á iniciativa Metrosán. Neste sentido, contémplase información xeral sobre o plano e propostas de actividades, así como consellos saudables, pero tamén informacións sobre cada unha das 24 rutas propostas: os seus planos medidos en metros, e unha fotografía do territorio real coa ruta marcada.


– As Clásicas. No apartado de clásicas, refírense tódolos eventos deportivos que se veñen celebrando na cidade ao longo do tempo, adquirindo a natureza de habituais. A través desta páxina pode accederse aos sistemas de información que ofrece a organización de cada proba.


– Primeiro directorio. A Concellería, os espazos, os clubs, as escolas deportivas, o deporte libre e a saúde son os principais capítulos do primeiro directorio. Na área de espazos ofrécense fichas de tódolos lugares para facer deporte no municipio, con localización e, en moitos dos casos, fotografías. Tamén hai información sobre horarios e xeitos de utilización, en especial das principais instalacións municipais.


– O segundo directorio. O segundo índice de contidos está definido cromaticamente nun segundo nivel de lectura. A axenda deportiva municipal é o primeiro apartado, seguido dun capítulo dedicado aos eventos con referencia ás principais citas previstas. Este capítulo ten un amplo apartado concibido para organizadores de eventos que poidan interesarse por programar algún campionato ou congreso en Pontevedra, polo que se ofrece, ademais de en galego, en castelán e en inglés, con enlaces ás infraestruturas deportivas, turismo e medios de mobilidade, entre outros.


– Terceiro directorio. Os perfís de usuarios. O terceiro nivel de consulta recolle unha serie de páxinas segundo o perfil de cada persoa usuaria. Son páxinas que funcionan como compendios de enlaces a outros lugares da web, segundo algúns perfís previamente definidos: directivas ou directivos de clubs, deportistas, persoas que están ou estarán en Pontevedra de paso, persoas voluntarias, nais ou pais.


– Por libre. O deporte por libre é unha páxina dedicada a esas persoas que deciden realizar algún tipo de actividade física sen estar vencelladas a ningún club, polo que tanto os espazos públicos da cidade como os ximnasios e outras instalacións semellantes adquiren aquí moito protagonismo.