O colectivo A Vila Láctea e a Concellería de Benestar Social organizan un Grupo de Lactancia que se reunirá na Casa Azul durante os meses de xuño e xullo

257

A Sala Valdecorvos da Casa Azul acollerá durante os meses de xuño e xullo diversos encontros do Grupo de Lactancia organizado polo colectivo A Vila Láctea en colaboración coa Concellería de Benestar Social, no marco do programa municipal Proponte. As reunións van especialmente dirixidas a mulleres lactantes, embarazadas, así como ás persoas que dan apoio a lactantes ou xestantes, e están coordinadas pola farmacéutica Mar Gastañaduy, experta universitaria en lactancia materna e nai dunha nena amamantada, e a videógrafa Berta Romero, tamén experta universitaria en lactancia materna e nai de dous fillos amamantados.


Os grupos de lactancia teñen a súa orixe nun movemento social que xurde a mediados do século XX, formado por asociacións que dan respaldo a mulleres que desexan amamantar. “Son un recurso para calquera nai que queira da-lo peito, xa que supoñen un punto de encontro entre familias en situacións semellantes”, explica o concelleiro de Benestar Social, o socialista Marcos Rey.


O Grupo de Lactancia da Casa Azul celebrou a súa sesión inaugural o pasado 16 de maio e terá o seguinte calendario:


– Mércores 1 de xuño, en horario de 10:30 a 12:30 horas
– Mércores 8 de xuño, de 17:00 a 19:00 horas
– Mércores 15 de xuño, de 10:30 a 12:30 horas
– Mércores 29 de xuño, de 10:30 a 12:30 horas
– Mércores 6 de xullo, de 17:00 a 19:00 horas
– Mércores 13 de xullo, de 10:30 a 12:30 horas


Poden obter máis información sobre esta actividade a través do id de Instagram @vila.lactea.


Exposición fotográfica e coloquio ‘Experiencias de vida: a decisión de migrar’ no Mercado de Abastos


Tamén dentro das actividades impulsadas no marco do programa Proponte, a Concellería de Benestar Social colabora coa Asociación de Migrantes de Galicia (Amiga) e a Red Acoge nunha exposición fotográfica e un coloquio que acollerá o segundo andar do Mercado de Abastos de Pontevedra baixo o título ‘Experiencias de vida: a decisión de migrar’. A mostra poderá ser visitada nas instalacións da rúa Serra entre os días 1 e 15 de xuño, mentres que o coloquio intercultural, que será presentado por Marcos Rey e que analizará os retos e oportunidades da sociedade de acollida, terá lugar o sábado 11 de xuño ás 11:30 horas.


Por outra banda, o edil de Benestar Social avanzou que o Concello ten previsto realizar nas vindeiras semanas unha rolda de actos de presentación do Programa Proponte Rural polas distintas parroquias. “O rural -apunta Marcos Rey- ten que xogar un papel esencial nesta rede de autoapoio e participación social na que queremos aglutinar as enerxías de todo o noso tecido asociativo”.

O primeiro dos actos de presentación, correspondente ás parroquias de Cerponzóns, Verducido, Santa María de Xeve e Santo André de Xeve, terá lugar o venres 3 de xuño ás 20:30 horas no Centro Cultural de Santa María.