Yoya Blanco anima a toda a cidadanía a desfrutar mañá na Illa das Esculturas dunha romaría “como as que celebraban as nosas avoas e avós”

129

Pontevedra prepárase para desfrutar como o facían as nosas avoas e os nosos avós na romaría dos anos 50 que mañá se celebrará na Illa das Esculturas entre as 12:00 e as 00:00 horas. O Avoa Fest, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro, convídanos deste xeito a viaxar ao pasado nun evento no que, ademais dunha morea de postos de degustación de cociña tradicional da man de diferentes restaurantes do municipio, haberá alborada, música e animación da época, campionatos de dominó e tute por parellas, un curso para aprender a bailar ‘ajarrados’, xogos tradicionais e unha verbena á noitiña.


Coa finalidade de promocionalo entre a cidadanía, un Seat 600 especialmente ‘tuneado’ para a ocasión percorreu esta mañá as rúas de Pontevedra anunciando esta segunda edición do festival gastronómico dedicado aos nosos maiores. Tal e como anunciou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “tanto unha servidora como o meu compañeiro Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, chegaremos mañá ás 12:30 horas á Illa das Esculturas a bordo deste 600 para inaugurar esta xornada de festa e degustación, por suposto ataviados ao estilo dos anos 50”.


Blanco, que estivo hoxe acompañada polo concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, lembrou que o programa de actividades porase en marcha ás 12:00 horas coa apertura dos postos de comida e bebida que participarán na feira gastronómica de cociña tradicional, unha alborada e actuación da asociación cultural Vides Novas e o inicio dos xogos tradicionais a cargo das diferentes asociacións de veciños de Pontevedra, que estarán apoiadas polos rapaces e rapazas da agrupación deportiva HQR! Arredor das 13:00 horas terá lugar unha actuación do grupo de gaitas Os Alegres e xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, darán comezo os campionatos de dominó e tute por parellas (a inscrición poderá realizarse pola mañá na propia romaría). A partir de media tarde, o Avoa Fest animará aos presentes a mover o esqueleto, primeiro co curso para aprender a bailar ‘ajarrados’ e cunha actuación de Take It Easy, e chegada a noitiña, desde ás 22:00 horas, cunha verbena na que actuarán Randeeira, Chisto e Cascarillas.


Os postos de cociña que poderán atoparse os pontevedreses no Avoa Fest son os seguintes:


1. Casa Digna: ameixa á mariñeira

2. A Fervella: carne ao caldeiro

3. A Ponte do Marcón: churrasco

4. Casa Cochón: orella

5. El Maño: embutidos e choripán

6. Mipa: pan e empanadas

7. Pulpeiro de O Carballiño: pulpo á feira

Programa de actividades:


12:00 h Apertura dos postos de cociña tradicionalAlborada e actuación de Vides NovasInicio dos xogos tradicionais a cargo das diferentes asociacións
13:00 h Actuación de Os Alegres
17:00 h Inicio do campionato de dominó e tute por parellas. Inscricións na propia romaría.
18:00 h Curso para aprender a bailar ‘ajarrados’
19:00h Actuación de Take It Easy
22:00 h Verbena á noitiña, actuación de Randeeira, Chisto e Cascarillas.
00:00 h Peche de postos e fin da romaría