O Concello instalará un panel na zona de Tafisa para visibilizar as biografías das tres mulleres que lle dan nome ao rueiro da zona

77
A vida de Vasquida García, Dolores Trabado e Ernestina Otero será contextualizada e comentada  neste elemento gráfico que será inaugurado o vindeiro xoves, 2 de maio, ás 19 horas

Hai xa anos que o Concello de Pontevedra tomou a decisión de feminizar o rueiro de Pontevedra, na procura dunha sociedade máis igualitaria e feminista, ao tempo que se tenta visibilizar o papel e das mulleres relevantes dentro da sociedade pontevedresa e galega. Nese sentido, nos últimos tempos foi posíbel comprobar como nomes de personalidades vinculadas co Franquismo desaparecían das rúas da Boa Vila, como é o caso de Salvador Moreno —hoxe Rosalía de Castro—.

«Desde o inicio do programa ‘A memoria das mulleres’, a intención era recuperar a biografía de mulleres pontevedresas que pasaron desapercibidas ou que o tempo foi agochando, polo que se tomou a decisión de crear unha listaxe de mulleres, aprobado en pleno, que serviría para nomear as futuras rúas da vila», explica o edil de Patrimonio e Memoria histórica, Xaquín Moreda. «Esta semana imos colocar un panel informativo coa biografía de tres destas mulleres que lle dan nome a tres das rúas da Unidade de actuación 7, máis coñecida por Tafisa, e son: Vasquida García, Dolores Trabado e Ernestina Otero».

A primeira foi unha menciñeira acusada de bruxaría, alí polo século XVI; Dolores Trabado foi unha taxista, pioneira da conducción; namentres Ernestina Otero foi profesora unha profesoras represaliada, que no tempo da República ocupou os cargos de directora da Escola de Maxisterio (Escola Normal) e de presidenta do Consejo Provincial de Primera Enseñanza.

A finalidade deste planel e situar a estas protagonistas da historia da Pontevedra e Galiza no espazo público, ao tempo que se avanza no camiño do empoderamento. «O acto de inauguración deste elemento será o vindeiro día 2, xoves, ás 19 horas na rotonda de confluencia destas tres rúas». Este sería o terceiro panel desta clase que é colocado na cidade, logo dos xa existentes en Amalia Álvarex e Josefina Urruti.