O Congreso Atlántico de Márketing Dixital Flúor regresa a Pontevedra os días 9 e 10 de xuño cun programa que inclúe 3 mesas redondas, 3 talleres e 15 conferencias

50

O Congreso Atlántico de Márketing Dixital Flúor, organizado polo Clúster de Comunicación de Galicia co patrocinio principal da Concellería de Promoción Económica e Turismo, regresa a Pontevedra os días 9 e 10 de xuño nunha IV edición na que máis de 20 destacados profesionais protagonizarán dúas xornadas de conferencias e mesas redondas sobre negocio dixital, branding e social media e publicidade dixital, así como workshops de diferentes temáticas, nun contexto idóneo para fomentar redes de contactos. O evento celebrarase na Sede Afundación, será retransmitido en streaming e contará con relatores da talla de Ricardo Tayar, CEO & Founder en Fiat 101; Gema Arias, directora de Estratexia Creativa en Kitchen; Juan Pedro Moreno e Javier Senovilla, directores creativos executivos en Ogilvy; João Brito, ex chief márketing officer en Burger King; Tiago Barquinha, country mánager de Contagious Portugal; Patricia Ricón, planificadora de medios en Avante Evolumedia, ou Xavi Simó, presidente de Inlea, investor y speaker.


Un dream team de expertos e innovadores no eido do márketing dixital que completan os nomes de  Sébastien Rouvière, director creativo en David; Juanjo Amorín, CEO e presidente de Edix; Rocío Carreiro, de Extradixital; Daniel Campo, director de El Publicista; Jess Bardanca, co-founder de Mexas & CMO; Rubén Bastón, de Marketing4ecommerce; Sandra Moreno, de Uttopion; Felip Costa, de Unique Digital – NFT Musicales; Úrsula Estévez, de Asomados; Javier Piedrahita, de MarketingDirecto; Francisco Álvarez, de Maricoin – Criptomoneda; Joan Miró, cofundador e mánager xeral en Kraz, e Samuel L. París, responsable de Contenidos e Estratexia en Nasas.


“A flor e nata do sector -asegura a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco- volverá darse cita en Pontevedra o xoves 9 de xuño, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:15 horas, e o venres 10 de xuño, de 9:30 a 13:45 horas, nun programa con tres mesas redondas, tres talleres e 15 conferencias, que abordarán temáticas como a estratexia de marca e social, os novos modelos de negocio e tendencias en creatividade e MK, o papel das mulleres creativas, a campaña Lola Flores de Cruzcampo, o podcast como ferramenta de márketing ou a clusterización de clientes aplicando data science. Ademais, haberá unha speed dating, un evento para que dez axencias seleccionadas poidan coñecer xoves talentos da Universidade de Vigo, terá lugar a presentación e acto constituínte do Clúster do Ecommerce Galego e, por suposto, os asistentes ao congreso terán ocasión de coñecer a cidade da man de Visit Pontevedra, finalizando cun vermú networking”.


Poden obter máis información sobre o evento no seguinte enlace: https://congresofluor.com/