Máis de 60 líderes do deporte nacional daranse cita en Pontevedra no II Galicia Sportech Congress

89

Máis de 60 relatores de primeiro nivel, o dobre que na primeira edición, daranse cita en Pontevedra durante os días 13, 14 e 15 de xuño no II Galicia Sportech Congress, o maior evento de transformación dixital no deporte do noroeste peninsular (xa que o ecosistema do deporte en Portugal tamén estará presente). O evento, organizado polas firmas Diesemm e HubIN en colaboración coa Concellería de Deportes e a Deputación Provincial, celebrarase na sede de Afundación (Augusto García Sánchez) e tódalas sesións deste ano poderán seguirse en directo de xeito gratuíto, presencial ou online, a través da páxina web www.galiciasportechcongress.com. Para isto, será preciso rexistrarse previamente como asistente mediante formulario de inscrición.


Entre os nomes propios que participan nesta segunda edición figuran perfís que están liderando a transformación da industria Sportech, como Rohn Maholtra (SportechX), Alex Zurita (London Sport), Guillermo Heredia (Hype), Ana Victoria (LaLigaTech), Marián Mouriño (GS360), Eduardo Valdés (SportBoost, aceleradora de Iker Casillas) ou os Hubs internacionais máis importantes. O Congreso contará ademais coas testemuñas de deportistas profesionais como Teresa Portela e Antonio Serrat, que narrarán en primeira persoa como se apoian na innovación e a tecnoloxía para mellorar o seu rendemento, relacionarse cos seus fans e patrocinadores, e cos de presidentes e representantes de federacións, como Raúl Chapado, que trasladarán a visión de transformación no seu deporte. Entidades referentes de tódolos deportes estarán representadas no evento.


Esta primeira edición presencial do Galicia Sportech Congress foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, e mailo CEO de Diesemm e director de desenvolvemento de negocio de HubIN, David Suárez, quen subliñou que o evento dispón dunhas 400 prazas presenciais e “nestes momentos xa hai máis de 2.000 rexistros para acceso remoto, uns 900 e pico de Latinoamérica”. “Poñen o seu foco en España, referente en Europa, e os rexistros alí son brutais. Queren saber moito sobre o que está a pasar aquí a nivel tecnolóxico. Vánselles presentar moitas startups. Portugal tamén ten moitos rexistros a día de hoxe, uns 200. Estamos moi ben situados a nivel estratéxico, no noroeste da Península, somos o punto máis próximo a Latinoamérica por idioma, por lazos tradicionais, téñennos como referente e nós a eles como un gran punto de expansión das nosas startups”, explicou Suárez.


O CEO de Diessem salientou que “o congreso naceu en 2021, en plena pandemia, para achegar coñecemento, consolidar un ecosistema de deporte galego e afianzar a Galicia como polo de referencia na transformación dixital nacional e internacional”. “Estamos seguros de que deportistas, institucións e grandes corporacións -afirmou Suárez- reforzarán ano a ano a súa presenza no congreso e de que seremos referente neste modelo de eventos”.


O deputado Gorka Gómez lembrou que este congreso, “que se iniciou nun momento tan complicado como a pandemia, optando por un formato online”, permite situarnos “á vangarda das novas tecnoloxías, porque o deporte experimentou nos últimos anos un cambio radical en tódolos formatos: a tecnoloxía está presente no deporte no seu día a día e, en tódalas disciplinas deportivas, o que queda atrás no aspecto tecnolóxico queda fóra do deporte”. “Tódolos equipos e tódolos que aspiran a chegar ao máximo nivel, teñen que estar rodeados de tecnoloxía. Este congreso é unha oportunidade de poder formarse da man de profesionais que son un referente a nivel nacional e internacional nos seus ámbitos de traballo. Pontevedra vai ser o epicentro da innovación deportiva e a vangarda a nivel mundial”, asegurou Gómez.

Referente estatal no eido da innovación deportiva

Para o tenente de alcalde, “Pontevedra e o deporte son case o mesmo”, xa que “nesta cidade levamos moito tempo traballando para ser referente en moitas cousas: mobilidade, sostibilidade e tamén en materia de deportes, tanto en organización e xestión de eventos deportivos de alto nivel, como as Series Mundiais de Tríatlon, como no que se refire aos logros dos nosos deportistas e clubs, desde as categorías base ata os sénior”. Segundo apuntou Tino Fernández, “o da innovación deportiva era un camiño que tamén tiñamos que explorar, porque detrás do éxito dun deportista hai o traballo de moita xente e da tecnoloxía”. “Antes, nas bancadas dos estadios e os campos de fútbol, había unhas persoas que máis ou menos medían o percorrido que facía cada xogador, as posicións… Agora iso faise con dúas cámaras. A tecnoloxía axuda a mellorar o rendemento deportivo e a traballar cos deportistas para acadar éxitos. Queremos que o Galicia Sportech se converta en referente galego e do Estado. Aquí está o mellor do mellor”, indicou o edil do PSOE.


Os máis de 60 profesionais participantes no congreso representan aos líderes dos distintos players nunha industria en máximo crecemento, como é a industria Sportech:


–  Corporacións tecnolóxicas: Amazon, Telefónica Tech e Philips, entre outras.
–  Marcas deportivas: Adidas.
–  Ligas: LaLiga, Liga Portugal, Liga MX e Euroliga Baloncesto
–  Clubs de fútbol: FC Barcelona, Real Madrid, Sevilla FC, Alavés, RC Celta, RC Deportivo Coruña, Braga FC e Pontevedra CF, entre outros.
–  Clubs de baloncesto: CB Estudiantes, CB Obradoiro e CB Breogán.
–  Clubs de e-sports: Giants gaming e Fordzilla.
– Federacións: Española de Atletismo, Galega de Fútbol, Galega de Baloncesto e Galega de Hockey.


O congreso contará unha vez máis cunha Startup Competition para tódolos proxectos Sportech que buscan investimento económico. Aqueles emprendedores interesados en realizar o seu ‘pitch’ durante a competición para startups deben encher un formulario habilitado na web do evento.


Como novidade nesta edición, contarase co Starup Lab, un espazo exhibidor onde as starups máis atractivas do momento amosarán como utilizar as súas innovacións aos asistentes ao congreso.