Turismo de Pontevedra, Benestar Social e Xoga colaboran nun proxecto pioneiro para ofrecer visitas guiadas inclusivas a persoas con diversidade sensorial

59

A concelleira de Turismo, Yoya Blanco, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, asistiron esta mañá a unha visita guiada pola zona monumental de Pontevedra na que participaron un grupo de persoas con diversidade sensorial, unha delas con xordocegueira. O roteiro foi organizado en colaboración coa Organización de Diversidade Sensorial de Galicia ‘Xoga’ e enmárcase dentro dunha pioneira iniciativa piloto coa que Turismo de Pontevedra e Benestar Social pretenden impulsar un servizo permanente de reservas para visitas guiadas dotado de intérpretes de lingua de signos.


A visita turística contou con dúas intérpretes de Xoga (unha foi a propia presidenta do colectivo, María Jesús Monterde), unha delas para atender especificamente á muller con xordocegueira, e serviu para ir constatando algunhas demandas particulares dos usuarios que deberán terse en conta á hora de organizar os vindeiros, como a necesidade de que o percorrido se reduza en relación coas visitas guiadas habituais ou a adaptación dos mapas a través de posibles solucións como códigos QR. Tal e como subliñou Yoya Blanco, este servizo, absolutamente pioneiro en Galicia e que apenas se pode atopar noutras cidades de España de xeito programado, responde a “unha necesidade que tiñamos dentro da Concellería de Turismo, xa que Pontevedra é unha cidade diversa e igualitaria na que isto facía falla”.


“Este grupo é de xente de Pontevedra e unha persoa en concreto comentoume que é filla de emigrantes e que, aínda que está acostumada a pasear pola cidade, ninguén lle contara en lingua de signos que significaba cada monumento e a historia da cidade”, indicou a socialista, quen avanzou que “as rutas repetiranse durante todo o verán e que este servizo será moi importante cando comece a chegar o groso do turismo”.


Marcos Rey afirmou que este proxecto “é unha continuación do programa Comunico, que cando naceu sempre dixemos que estaba vivo e que se iría adaptando, e que é algo no que lle insistimos á Concellería de Turismo”. “Comezamos unha proba piloto -indicou o concelleiro de Benestar Social- cun grupo de persoas con diversidade sensorial, que a verdade é que están encantados, porque eles xa coñecen a cidade, pero non saben realmente a historia que hai detrás de cada monumento. Estaban cos ollos abertos, vendo todo o que lles contaba a intérprete de lingua de signos, xa que a historia de Pontevedra é moi bonita e a están a apreciar desde unha perspectiva nova para eles”.