Benestar Social colabora cun programa de formación e inserción laboral impulsado pola Asociación de Venezonalos de Pontevedra (Asovedra)

33

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, asistirá mañá ás 9:00 horas na Casa Azul (rúa Sor Lucía, 4) á xornada inaugural do programa de formación para o emprego Reinvéntate e Traballa, impulsado pola Asociación de Venezolanos de Pontevedra (Asovedra) en colaboración co departamento municipal e a Federación Venezolana de Galicia (Fevega). O proxecto desenvolverase a través da empresa de externalización Starnaliza e permitirá achegar formación gratuíta no ámbito da industria alimentaria aos colectivos de inmigrantes e retornados, co obxectivo de facilitar a inserción laboral dunhas 130 persoas.


Segundo explica o propio Marcos Rey, nesta primeira xornada do programa “recibiranse e analizaranse os currículos das persoas interesadas, coa finalidade de facer un cribado de participantes antes de poñer en marcha as aulas de formación, que se levarán a cabo en grupo dunhas 20 a 30 persoas”.


A Casa Azul tamén acollerá o venres 17 de xuño ás 19:00 horas unha xuntanza con persoas con lipedema co obxectivo de coñecer as súas demandas e, posteriormente, elaborar un documento de peticións que se lle trasladará ao Sergas. Segundo sinala o concelleiro de Benestar Social, esta actividade enmárcase dentro das accións organizadas desde a Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e Outras Patoloxías Vasculares Periféricas (AGL) co gallo do mes do lipedema, “entre as que tamén se inclúen dúas webinars: unha sobre Nutrición e Lipedema (enlace de inscrición: https://forms.gle/TMvBHNNeXgvxEMtQA) e outra sobre Psicoloxía e Lipedema (https://forms.gle/wGsgz542csr6sML39)”.