Skaters de toda Galicia participarán o sábado en Mollabao no evento Playground Jam Support

101

Visibilizar o decidido respaldo institucional da Concellería de Deportes á escena local de skate e amosar o apoio ao noso comercio de proximidade son dous dos principais obxectivos do Playground Jam Support, un evento organizado por iniciativa da firma Playground Store (rúa San Román) que se celebrará este sábado 11 de xuño no skatepark de Mollabao en horario de 12:00 a 20:00 horas. Skaters de toda Galicia daranse cita nunha xornada de lecer estilo jam, aberta a patinadores e público desde 0 a 99 anos, na que haberá música, DJ’s, speaker e bebida e na que se instalará un módulo de skateboarding para que os participantes teñan ocasión de gozalo e realizar os seus mellores trucos.


Tal e como explica o responsable de Playground Store, Jose Malaguita, “a idea de organizar esta concentración de skaters está vinculada á venda dunhas zapatillas, cuxos ingresos queremos reinvestir nesta acción de apoio ao colectivo skater e ao comercio local”. “Trátase dun exemplo de economía circular e de como o comercio de proximidade pode xerar escena e impacto real na sociedade. É unha iniciativa para o desfrute da comunidade, realizada coa implicación do Concello, na que pode participar todo aquel que o desexe, sen necesidade de inscrición”, apunta Malaguita.


Para este Playground Jam Support, enmarcado no programa municipal A Vida é Movernos, incorporarase ao skatepark de Mollabao un caixón versátil para realizar trucos entrando por varios dos seus lados.


O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, afirma que esta xornada skater “supón un xeito de escenificar o noso respaldo a este deporte e aos moitos practicantes que ten en Pontevedra, de poñer en valor o labor do comercio local e de ofrecer unha proposta alternativa de lecer para tódalas idades”.