Benestar Social colabora coa Asociación de Venezolanos de Pontevedra nun programa de formación para o emprego e inserción laboral que podería dar traballo a unhas 350 persoas de diferentes nacionalidades

41

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, asistiu esta mañá na Casa Azul á primeira xornada do programa de formación para o emprego e inserción laboral Reinvéntate e Traballa, no que o departamento municipal colabora coa Asociación de Venezolanos de Pontevedra (Asovedra) e a Federación Venezolana de Galicia (Fevega). Un nutrido grupo de persoas participou nesta sesión inaugural do proxecto, desenvolvido a través da empresa de externalización Starnaliza, que se organizou coa finalidade de realizar un cribado de participantes previo á posta en marcha das aulas formativas, mediante a recepción e análise dos currículos dos interesados.


Tal e como apuntou o edil socialista, que aproveitou a ocasión para saudar aos presentes, transmitirlles “forza, tesón e paciencia” e trasladarlles “o apoio da Concellería de Benestar Social para todo aquelo que precisen”, este programa busca “achegar formación gratuíta no ámbito da industria alimentaria”. “Está destinado non só a colectivos de inmigrantes e retornados de diferentes nacionalidades, senón tamén a españois. De feito, tamén hai moitas persoas de nacionalidade española inscritas. Aínda que o obxectivo inicial é o de acadar a inserción laboral dunhas 130 persoas, a medida que avance, a iniciativa podería ampliarse substancialmente, ata chegar incluso ao compromiso de dar emprego a unhas 350 persoas. Ademais, hai que salientar que se lles dá prioridade a aqueles cidadáns que levan máis tempo como usuarios de Servizos Sociais”, subliñou Marcos Rey.


As aulas formativas do programa Reinvéntate e Traballa levaranse a cabo en grupos duns 20 a 30 alumnos.