A prórroga do contrato obriga á Prezero a intensificar a recollida de biorresiduos entre a poboación

18

O concelleiro responsable do servizo explicou que a nova Lei de residuos obriga á separación e tratamento da fracción orgánica a partir do 30 de xuño, e Pontevedra ten a obriga de incrementar o seu grado de cumprimento.

A prórroga do contrato será por un ano (ou até que entre en vigor o novo) e terá un custe final de máis de 6,2 millóns de euros. 

A Xunta de Goberno aprobou onte a prórroga do actual contrato de xestión de residuos municipais, que xestiona a empresa PreZero. O concelleiro delegado do servizo, Raimundo González explicou esta mañá que a prórroga do contrato suporá que a concesionaria fará un especial esforzo no traballo de inspección e sensibilización na recollida de biorresiduos para axustarse ao marco legal que fixa a Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular.

A normativa esixe que as entidades locais de máis de 5.000 habitantes teñen que recoller por separado a fracción orgánica dende o vindeiro 30 de xuño de 2022, ao igual que esixe aos establecementos comerciais a xestión dos seus biorresiduos.

Por este motivo, o concelleiro adiantou que na renovación do contrato haberá un especial seguimento á recollida dos biorresiduos no colector marrón, polo que a concesionaria intensificará a campaña de inspección e sensibilización domiciliaria como se realizou cando se implantou o servizo. Na actualidade participan en Composta arredor de 3.000 domicilios e uns 300 establecementos comerciais.

A prórroga do contrato será polo prazo dun ano ou até que se formalice un novo contrato que formalice a recollida, transporte e tratamento dos residuos municipais. O importe é de 5.952.193,76 euros, pero está en tramitación unha revisión de prezos do último ano dun 6,5%, que fixará a contía final en máis de 6.280.000 euros.