O Campionato Galego Escolar de Taekwondo promete diversión e espectáculo ‘a patadas’ este sábado no Pavillón Príncipe Felipe

38

Máis de 500 deportistas de categorías infantil, precadete e cadete amosarán este sábado 18 de xuño no Pavillón Príncipe Felipe o enorme talento da base do taekwondo autonómico durante o Campionato Galego Escolar en modalidades de Exhibición e Combate. A competición, organizada polo Club Taekwondo Taekanart en colaboración coa Concellería de Deportes, a Deputación e a Federación Galega de Taekwondo, contará cos máis prometedores taekwondistas procedentes de todo o territorio, que chegan a esta fase autonómica despois de clasificarse nas respectivas fases provinciais.


O evento celebrarase durante toda a xornada, coas seguintes modalidades de competición: Exhibición infantil e cadete (de 10:00 a 11:30 horas) e Combate infantil (de 11:30 a 14:30 horas) e precadete e cadete (de 15:30 a 20:30 horas). “Haberá 19 exhibicións protagonizadas por 170 deportistas e, na categoría de combate, participarán 344 deportistas pertencentes a 35 clubs”, avanzou esta mañá o responsable do Club Taekwondo Taekanart, Toño Ríos, durante o acto de presentación do campionato, no que estivo acompañado polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o coordinador de Deporte Escolar da Secretaría Xeral para o Deporte, Santiago Ferrer, e a directora técnica da Federación Galega de Taekwondo, Nuria Pérez.


Tal e como asegurou Tino Fernández, “os pequenos ‘diamantes’ do taekwondo galego tomarán o Pavillón Príncipe Felipe tan só uns días despois de que este acollese o espectacular Open Cidade do Lérez, no que participaron 367 taekwondistas de toda Galicia e Portugal, o que pon de manifesto as paixóns que desperta este deporte na nosa comunidade e o tremendo nivel que o taekwondo ten por estes lares”. En opinión do edil do PSOE, “o feito de que haxa máis de 500 rapaces e rapazas que participen neste Campionato Galego Escolar é un síntoma moi positivo de que imos recuperando esa normalidade que todos desexamos”. 


“Non descubro nada -apuntou Fernández- se digo que o taekwondo é un deporte estratéxico en Pontevedra, un deses deportes que ano tras ano vai crecendo e que ademais o fai de xeito organizado. Vai dando pasos para ser máis forte, ser máis competitivo e ter unha mellor estrutura. Tanto a Federación como os clubs de Pontevedra son moi fiables e iso nos permite traballar moi ben co taekwondo. Cando se fala de que un taekwondista está entre os tres mellores de España, falamos de que está entre os tres mellores de Europa, porque España é unha potencia en Europa”.


Para Gorka Gómez, “a pesar de que os eventos aínda non están congregando o número de persoas que se congregaban no 2019, é moi importante que campionatos como este reúnan agora xa, recuperando a actividade deportiva, a tantos clubs e participantes no Pavillón Príncipe Felipe”. O deputado provincial subliñou ademais a relevancia de que se fagan eventos de visibilización e apoio do deporte base, “para animar aos rapaces e rapazas a facer deporte, neste caso taekwondo”. “Hai que concienciar sobre a importancia de realizar deporte, por moitas cousas: polos hábitos saudables que implica, pero sobre todo, por seren un estilo de vida. Temos que apostar por eventos deportivos de ámbito escolar e que implican á base”, indicou Gómez, quen destacou “a boa saúde do taekwondo en Pontevedra, con clubs que contan cun gran equipo de traballo, con probas que congregan a centos de rapazas e rapaces e a moitísimo público asistente”.


Nuria Pérez agradeceu a Toño Ríos e ao Club Taekwondo Taekanart “a organización deste evento e o esforzo que está a facer, xa que a semana pasada estivo tamén organizando o Open Cidade do Lérez, que foi un éxito, e repetir unha semana despois require moito sacrificio en cuestións como o voluntariado”. A directora técnica da Federación Galega de Taekwondo asegurou que “estamos moi contentos de retomar a modalidade de Exhibición, posto que non se fai ningún campionato desta modalidade desde antes da pandemia, xa que estaba restrinxido polo tema do contacto que había”. “Haberá 19 clubs participando -apuntou- e isto pon de manifesto o bo estado da Federación Galega e do traballo que están a facer os equipos”.


Santi Ferrer salientou a importancia da dinamización das categorías base “e este Campionato Galego Escolar vai congregar aquí a unha cantidade importante de deportistas”. “Agardemos que todo saia ben e que os deportistas desfruten dunha xornada activa e participativa. Na Secretaría Xeral para o Deporte estamos orgullosos de que se celebren este tipo de probas”, afirmou Ferrer.