O Ganapán vaise de vacacións de verán cun programa de actividades que inclúe a elaboración de refrescantes receitas e a creación de criaturas mariñas

8

O programa de lecer infantil O Ganapán vivirá esta fin de semana, coincidindo co remate do curso escolar, as súas últimas sesións antes de marchar de vacacións de verán. A iniciativa impulsada no Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, que regresará en setembro coas pilas ben cargadas e cunha chea de actividades, despedirase desta tempada cunha proposta que incluirá a elaboración de refrescantes receitas estivais e a creación de cativadoras criaturas mariñas.


Os obradoiros, destinados a nenos e nenas de 4 a 10 anos, darán comezo o sábado 18 de xuño cun taller no que os rapaces poderán cociñar un salmorejo de cereixas, unha orixinal versión desta sopa fría tan popular e tradicional en Andalucía (cuxa base soe ser o tomate) cun sabor espectacular, e outro no que deseñarán o seu propio acuario con peixes e outros seres mariños que nadan entre rechamantes plantas acuáticas. “Para a xornada do domingo 19 de xuño -explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco- están previstos un obradoiro no que os pequenos terán ocasión de elaborar unha receita de mousse vegana de piña colada, cunha textura refrescante e sabores tropicais que os transportarán a terras e praias exóticas, e outro no que realizarán bonitas sereas para decorar a habitación ou xogar con elas”.


Os nenos e nenas que desexen participar nos talleres desta fin de semana deberán reservar a súa praza previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao de celebración das actividades, indicando os seguintes datos: día e espazo (Gastro ou Crea), nome do rapaz ou rapaza, idade, teléfono de contacto e posibles alerxias ou intolerancias. Tódolos obradoiros desenvolveranse a partir das 12:00 horas.