Pontevedra e o seu modelo urbano espertan un notable interese no congreso H22 City Expo celebrado na cidade de Helsingborg

63
A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, explica que é unha experiencia moi enriquecedora partillar este tipo de coñecemento con expertos chegados de todo o mundo 

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, xunto co edil Alberto Oubiña, puideron participar esta mañá no congreso H22 City Expo, no relatorio ‘A creación de lugares como un esforzo de toda a cidade: como os municipios poden crear lugares exitosos e fortalecer comunidades’. Trátase dunha cita promovida pola agrupación Placemaking Europe na cidade de Helsingborg, en Suecia.

Alí, ambos os dous representantes da cidade están a escoitar e compartir diferentes experiencias internacionais de proxectos que teñen que ver coa reinterpretación do espazo público, con casos concretos como Nova Iorque, Budapest ou Helsinki. 

A intervención pontevedresa, no nomeado relatorio, espertou o interese dos presentes, ao dedicarlle a maioría das preguntas realizadas no tramo final ao proxecto de transformación da Boa Vila, tal e como sinalou Gulías. «É moi gratificante vir até este lugar contar o proceso de transformación urbana realizado en Pontevedra e ver como esperta un evidente interese en persoas chegadas de todo o mundo. É unha responsabilidade que permite poñer Pontevedra no mapa». Durante a súa exposición compartiron espazo con representantes políticos das cidades da mesma Helsingborg e de A Haia.

 «Este tipo de encontros nos que se comparte coñecemento dun xeito participativo e conxunto permiten coñecer os retos que están por vir e enriquecen o traballo de todas as persoas que traballos no deseño das cidades coa idea de facer fronte aos desafíos futuros», explicou Gulías.