Pontevedra volverá converterse esta fin de semana en epicentro do piragüismo autonómico coa celebración do Campionato Galego de Sprint Sénior e Xuvenil

43

O piragüismo de elite regresa ao seu feudo esta fin de semana coa celebración do Campionato Galego de Sprint en categorías Sénior e Júnior. O evento, que volverá converter a Pontevedra en epicentro dun dos nosos deportes reis, desenvolverase no Centro Deportivo David Cal e disputarase nas modalidades máis explosivas e vistosas da disciplina: 200, 500 e 1.000 metros.


O espectáculo está pois garantido neste novo campionato organizado nas instalacións do encoro de Verducido pola Federación Galega de Piragüismo (FGP) en colaboración coa Concellería de Deportes e no que participarán 462 embarcacións en categorías C-1, C-2, C-4, K-1, K-4 e paracanoe: 156 de padexeiros e padexeiras xuvenís farano o sábado 18 de xuño entre as 10:00 e as 18:00 horas e 306 padexeir@s sénior o domingo 19 de xuño entre as 10:00 e as 21:00 horas.


O Campionato Galego de Sprint de Piragüismo, no que estarán representados clubs de todo o noso territorio (entre eles o Club Naval de Pontevedra, o Club Verducido-Pontillón, a Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra ou a Escola Poio-Conservas Pescamar), foi presentado esta mañá nun acto no que participaron o presidente da FGP, Alfredo Bea, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen agradeceu “o esforzo que está a facer a Federación por traer a Pontevedra probas de altísimo nivel”. “Cando falamos dun Campionato Galego de Sprint -apuntou o edil socialista- estamos a facelo dun campionato dos mellores de Europa, porque Galicia é unha potencia piragüística de primeira orde. Ver un Campionato Galego é ver aos mellores padexeiros e padexeiras do ámbito estatal”.


Fernández subliñou que Pontevedra se está a converter “nun dos eixos estratéxicos de crecemento do piragüismo, e afortunadamente aquí temos varios clubs, todos eles moi potentes, sobre todo en materia de piragüismo de base, e algúns deles xa deron olímpicos e olímpicas”. Na súa opinión, “ver o río Lérez cheo de padexeiros dándolle moi duro é moi gratificante, significa que as cousas se están a facer moi ben e que de entre todos eses rapaces haberá futuros campións, porque a calidade do piragüismo de Pontevedra é indubidable”.


Alfredo Bea indicou que o principal problema do piragüismo galego nestes momentos é “a falta de espazo para poder dar cabida á demanda existente de galegos e galegas que queren practicar este deporte… Polo tanto, bendito problema”. Tal e como avanzou, “temos por diante grandes eventos nacionais e internacionais, como son o Campionato de España de Xóvenes Promesas, no que temos previsto bater un récord e chegar a máis de mil padexeiros; o Xacobeo, no que o ano pasado fomos quen de xuntar, cos procedentes de Portugal, en plena pandemia, uns 1.500 nenos e nenas, unha cifra que agardamos poder superar; o Campionato de España de Autonomías de Kayak Polo, que será en outubro, e por primeira vez en Verducido, unha competición dunha modalidade que tamén está crecendo moitísimo, que é a de dragón”. “Se Pontevedra xa tiña un calendario amplo de piragüismo, este ano vaino ser aínda máis. Nunca antes nos coincidiu tanta competición e tan variada en Pontevedra”, apuntou Bea.


O presidente da Federación Galega aproveitou a ocasión para sacar peito co bo estado de saúde do piragüismo autonómico e pontevedrés, afirmando que “a vindeira semana teremos o Campionato de Europa Sub-23 e Xuvenil e dos 54 padexeiros que van, 24 son galegos e deses, 20 son de Pontevedra, polo que xa case representamos o 50% dun Estado nun deporte”.