O Albergue de Pontevedra estrea un Banco Peregrino que permitirá aos camiñantes descansar, reflexionar, socializar e coñecer o noso concello

132

Os concelleiros Iván Puentes e Yoya Blanco achegáronse esta mañá ata o Albergue de Peregrinos de Pontevedra, acompañados polo presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores, e o responsable comercial da firma Caminando Contigo, Jonathan Mato, para inaugurar o novo Banco Peregrino (BanPe) recentemente instalado nos accesos ao edificio xacobeo. Ademais dun lugar no que os peregrinos poden sentar, esta peza de mobiliario pretende converterse nun elemento humanizador do Camiño, sostible, dixital e interactivo, cun deseño sinxelo que ten como característica definitoria a frecha amarela que tódolos camiñantes identifican coa viaxe a Compostela.


Tal e como afirmou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “este Banco Peregrino foi pensado para ofrecer descanso aos peregrinos despois de tanto esforzo, pero tamén para reflexionar sobre a vida e o cambio que o Camiño provoca nun mesmo, e por suposto para converterse nun punto de socialización e convivencia entre etapa e etapa, no que facer amizades e descubrir outros costumes”. “Ademais, o BanPe é moito máis que un banco, xa que contén unha plaquiña co nome da rúa Otero Pedraio e un código QR con información de interese do concello, kilómetros restantes do Camiño, albergues, lugares de interese… Neste podemos atopar tamén outra plaquiña promocional de Bico de Xeado”, subliñou a edil do PSOE.


Blanco indicou que nestes momentos xa existen outros 150 bancos peregrinos en distintos concellos da nosa xeografía polos que pasa o Camiño de Santiago, ao tempo que destacou a recuperación de turismo internacional, “moito do cal é grazas á Ruta Xacobea”. “Animo á xente a facer o Camiño e a que veña -apuntou a socialista- e se faga unha foto con este banco que dispón dun código QR con moita información de interese”.


Jonathan Matos explicou que esta iniciativa leva tres anos en marcha e permite que os peregrinos coñezan, a través do código QR, “en que lugar se atopan, cantos kilómetros lle restan para chegar a Santiago, que cousas e lugares de interese poden atopar pola zona e onde está situado o seguinte Banco Peregrino”. Matos asegurou que “xa hai algún proxecto para instala-los bancos fóra de Galicia, en Portugal ou con deputacións como Zamora ou Huelva”. A empresa tamén está a colocar Fontes do Camiño en puntos estratéxicos.


Para Tino Lores, trátase dunha iniciativa destinada “a achegar información que os camiñantes precisan e a embelecer o Camiño, xa que é un elemento onde os peregrinos sentan e sacan fotografías para levar unha lembranza da Ruta, neste caso do Albergue de Pontevedra”. “Cando a Concellería de Promoción Económica nos propuxo instalar aquí este banco pareceunos unha idea excelente, posto que estamos nun albergue público, no que pernoctan boa parte dos peregrinos que pasan por Pontevedra e para os que esta información lles pode resultar moi útil”, afirmou o presidente da Asociación de Amigos do Camiño.


Lores tamén fixo fincapé na boa saúde da Ruta Xacobea, posto que “estamos en cifras prepandemia e, de seguir así, imos incluso a sobrepasar as de 2019, o cal sería un éxito rotundo”. Segundo precisou, “agora mesmo hai moita oferta privada para os peregrinos, o que se nota nas rúas, e no Albergue, coa ampliación, dispoñemos de moitas camas, que agardamos encher en xullo e agosto”. 


Poden obter máis información sobre o Banco Peregrino a través do seguinte enlace:
https://www.caminandocontigo.com/que-es-banpe/