O mítico ciclista Marino Lejarreta apadriñará o domingo 26 de xuño unha V Pontevedra 4 Picos Road ‘Clásica Evaristo Portela’ que contará con 300 ciclistas

54

O mítico ciclista Marino Lejarreta, gañador da Volta a España, será o convidado de honra da quinta edición da Pontevedra 4 Picos Road ‘Clásica Evaristo Portela’, que se celebrará o domingo 26 de xuño e que conta con 300 ciclistas inscritos. Deste xeito, ‘o xunco de Berriz’ sumarase a outros ilustres que tomaron parte nunha das probas cicloturistas de referencia no norte de España e Portugal, como Miguel Indurain, Javier Gómez Noya, Óscar Pereiro, Moisés Dueñas ou Ezequiel Mosquera.


A ‘clásica’ nada en 2017, organizada pola empresa Global DXT en colaboración coa Concellería de Deportes de Pontevedra e o Club Deportivo Supermercados Froiz, ofrece a posibilidade de competir en dúas distancias diferentes: unha longa, a 4 Picos Road Fondo, con 4 picos, 130 kilómetros e un desnivel positivo de 2.700 metros, e outra máis curta, a 4 Picos Road Medio Fondo, con 3 picos, 90 kilómetros e un desnivel positivo de 2.100 metros. Durante a proba, que rende homenaxe ao deportista e director técnico do Froiz Evaristo Portela, os participantes poderán desfrutar de estradas secundarias con encanto, tendo que superar as ascensión de catro portos: Acibal, Morañó, Campo Lameiro e as duras ramplas do muro de San Xulián.


O evento foi presentado esta mañá no Concello nun acto de presentación no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial Gregorio Agís; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz; o responsable da firma Global DXT, Josevi Cimadevila, e o propio Evaristo Portela. Segundo subliñou Fernández, “trátase dunha proba non competitiva cuxo obxectivo é que tódolos afeccionados á bicicleta de estrada a poidan desfrutar e superen o reto de finalizala, gozando dunha saída espectacular e dun percorrido único”.


O concelleiro de Deportes quixo recoñecer “o inmenso traballo que hai detrás dunha proba ciclista como esta, que implica un impacto de xente e movemento que é moi complicado artellar para que todo saia ben”. Para Tino Fernández, esta carreira enfócase como “unha festa para socializar, pasalo ben, botar unhas risas, despois de sufrir, e recuperar esa normalidade que perdemos durante dous anos e que agora tentamos volver a ter”.


Josevi Cimadevila indicou que a 4 Picos Road repite este ano “máis ou menos o percorrido que tiñamos o pasado, dándolle algunha nota de cor e de sabor: seguimos subindo ao Acibal e, aínda que é unha proba cicloturista e non competitiva, ten dous treitos cronometrados, para que aqueles corredores ou corredoras que decidan apertar un pouco máis poidan ter ese momento estelar en dúas subidas, a que vai desde Campo Lameiro en dirección cara a Cuspedriños para acabar na zona de Carballedo e a que será o prato forte que fagan os que participen na distancia longa, que é a subida de San Xulián, con pendentes do 20% (parte cronometrada que remata no Lago de Castiñeiras)”. O responsable de Global DXT apuntou que a saída e chegada terán lugar no centro de Pontevedra, na avenida de Montero Ríos, onde estará tamén a feira do participante, comezando cunha “primeira parte neutralizada, aproximadamente 30 kilómetros ata Moraña, e posteriormente cada participante poderá levar a súa velocidade, sempre controlada por Tráfico, motovoltas, coches de seguridade e ambulancias”.


Gregorio Agís afirmou que a Pontevedra 4 Picos “é sinónimo de boa organización” e referiuse á figura de Evaristo Portela aseverando que “cando a xente te quere, será por algo”. O deputado provincial sinalou que “para a Deputación é un orgullo participar neste tipo de eventos, polo que representan de promoción e fomento dos valores do deporte e os hábitos de vida saudables”. “Esta é unha proba un pouco máis festiva, menos competitiva, o que a fai tamén máis transversal para o conxunto da poboación”, engadiu Agís.


Evaristo Portela amosouse moi agradecido e emocionado pola homenaxe, aprecio e cariño que supón esta carreira cicloturista que leva o seu nome, “e que este ano conta con Marino Lejarreta e cun percorrido espectacular”. Portela salientou que se trata dunha proba “para desfrutar dos amigos e de algo tan importante na nosa sociedade dun hábito san, como é deporte e, neste caso, o ciclismo”. 


Carlos Muñiz subliñou que Pontevedra tense convertido, grazas ao traballo de Global DXT, Deputación e Concello, “na casa do ciclismo e o deporte a nivel mundial”, apostando por un modelo deportivo turístico, que resalta “a nosa riqueza paisaxística, cultural e gastronómica”. 


Poden obter máis información sobre o evento a través deste enlace:
https://www.pontevedra4picosroad.com/