Volve Ambienta, a mostra internacional de cine LGBTIQA+ á praza da Pedreira a última semana de xuño

24

Arrancará coa estrea do videoclip Eduardita; contará coa presenza de Carla Antonelli, actriz, política e activista trans; e rematará coa sesión de música de cine de Palito DJ.

A concellaría de Festas contou coa colaboración do Cineclube Pontevedra, asociación Avante, FIB Bueu e a cinemateca Pedro Zerolo para a elaboración do programa. 

O éxito da primeira edición de Ambienta, a Mostra internacional de cine LGBTIQA+, levou á Concellaría de Festas a reforzar a aposta para esta segunda edición que se desenvolverá entre o 27 de xuño e o 1 de xullo na praza da Pedreira. A concelleira de Festas, Carme da Silva xa explicaba na presentación da primeira edición, o ano pasado, que era un proxecto que nacía “con vocación de continuidade” xa que era un festival único en Galiza.

A convocatoria no espazo público, na praza da Pedreira, é unha decisión tomada a propósito para visibilizar a diversidade da nosa sociedade no espazo público.

Ademais, nesta segunda edición a Concellaría conta coa colaboración do Cineclube Pontevedra, a asociación Avante LGBT+, o FIB Bueu e a Cinemateca Pedro Zerolo.

Entre a atractiva programación dos cinco días do festival, destaca o acto inaugural da mostra audiovisual coa estrea do videoclip Eduardita, producido por Laura Cadenas Amandi, Enzo Sarmiento e Éric Dopazo. A proxección será previa ao filme A primeira morte de Joana de Cristiane Oliveira que se emitirá ás 22.30 horas.

O festival tamén contará coa presenza da actriz, política e activista trans Carla Antonelli. Será o mércores, 29 de xuño, ás 21.00 horas, e seguidamente proxectarase o documental Triángulos rosas, do que Carla Antonelli foi impulsora. O audiovisual conta coa colaboración da Cinemateca Pedro Zerolo.

O peche do festival será o venres, 1 de xullo, coa actuación musical de Palito DJ, que picará música de cine a partir das 21.00 horas. Finalmente, ás 22.30 horas proxectaranse 5 curtas en colaboración co FIB Bueu.

Para máis información: ambienta.gal