A Vida é Movernos convida aos pontevedreses a ‘ghastar pista’ o domingo 3 de xullo nunha actividade que combinará baile, andaina, tonificación e estiramentos

63

O programa A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes e Saúde, regresará ás rúas o domingo 3 de xullo cunha actividade na que convida aos pontevedreses e pontevedresas a ‘ghastar pista’ e que combinará baile, andaina, tonificación e estiramentos. Baixo a coordinación de tres monitores e dous axudantes, a través desta proposta, organizada en colaboración coa Escola de Baile PonteBaile (dirixida por Adrián Esperón), búscase conxugar saúde e diversión nun dinámico roteiro que partirá da Ponte do Burgo ás 10:00 horas, inaugurándose neste escenario con media hora de quecemento físico dirixido a través da danza.


Tras unha camiñada de 4,6 kilómetros rumbo ás Corvaceiras e á Illa das Esculturas, seguindo o itinerario indicado no mapa do MetroSán (de hora e media de duración), realizarase unha nova parada para desenvolver unha aula de tonificación dirixida duns 20 minutos. Desde ese punto, o grupo dirixirase retomará a andaina cara ao balneario do Lérez e a pasarela peonil veciña, percorrendo outros 8,5 kilómetros (o tempo estimado para este treito é de dúas horas e media). O traxecto pecharase cunha sesión dirixida de estiramentos, perfecta para regresar a casa relaxados, rematando arredor das 13:00 horas.


Todas aquelas persoas que desexen participar nesta actividade de A Vida é Movernos, que leva o suxestivo nome de ‘Ghastas Pista?’, poderán inscribirse a través do email pontebaile@gmail.com. A organización achegará un equipo de megafonía para dispoñer de música e dun micrófono, botellas de auga e unha papeleira de reciclaxe.