A piscina do Casino Mercantil e Industrial (Mourente) acollerá este xoves 23 de xuño pola tarde o XII Trofeo Concello de Pontevedra de Natación Artística, organizado polo Club Natación Sincronizada Pontevedra en colaboración coa Concellería de Deportes e a Federación Galega de Natación (Fegan). O evento consistirá nunha competición de rutinas libres e combinadas nas categorías de promoción (prebenxamín, benxamín, prealevín, infantil e júnior), que se puntuarán segundo o regulamento da Real Federación Española de Natación por un panel formado por un mínimo de tres xuíces locais/territoriais.
O trofeo desenvolverase entre as 16:30 e as 19:30 horas e entregaranse medallas ás tres mellores rutinas clasificadas de cada categoría, así como unha copa ao mellor club. Tal e como sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “o obxectivo desta competición é a visibilización e difusión da natación artística na provincia de Pontevedra, como medio para fomentar a práctica deportiva, os hábitos de vida saudables e a adquisición de habilidades sociais”.