Pontevedra inaugura o seu Orgullo cunha intervención artística que reivindica a ‘Memoria LGBTIQA’ no balcón da Casa da Luz

341

Cunha intervención artística que, desde o balcón da Casa da Luz, convida á cidadanía a reivindicar a ‘Memoria LGBTIQA’, foi inaugurado esta mañá o programa de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade e a asociación Avante LGBT+ con motivo do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo, nun acto no que participaron os concelleiros Yoya Blanco, Iván Puentes, Marcos Rey, Eva Villaverde, Alberto Oubiña e Guillermo Juncal, e varios membros do colectivo. Trátase dunha bandeira LGBT na que, ademais das cores do arco da vella, teñen protagonismo as palabras Orgullo e Memoria, como un xeito de reflexionar sobre a historia da loita do colectivo e de lembrar que non se pode dar nin un paso atrás, xa que ningunha conquista é irreversible.


Deste xeito, o Orgullo pontevedrés pretende rememorar, tamén a través da distribución de carteles e flyers, certos fitos históricos que marcaron o difícil camiño a prol da diversidade e a igualdade: 1901, primeira voda entre dúas mulleres co casamento de Elisa e Marcela na Coruña; 1969, inicio da loita organizada polos dereitos LGBT e revolta de Stonewall en Nova York; 1977, primeiro colectivo LGBT organizado en Galicia, a Fronte Galega de Liberación Homosexual; 1978, eliminación dos artigos que perseguían a homosexualidade dentro da ‘Ley de peligrosidad y rehabilitación social’; 1981, Vigo acolle a primeira Manifestación Galega do Orgullo; 1982, primeira Comisión de Lesbianas no Movemento Feminista organizado, a Asociación Galega da Muller (AGM); 1990, eliminación da homosexualidade da lista de Enfermidades Mentais por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS); 1999, primeiro debate sobre a realidade trans no Parlamento Galego; 2005, aprobación do matrimonio igualitario en España (o terceiro país a nivel mundial); 2015, primeira persoa menor de idade que acada o cambio rexistral de identidade en Galicia…

A concelleira de Igualdade, a socialista Yoya Blanco, asegurou en que con esta mensaxe tan didáctica (baixo cada letra da instalación aparece algún capítulo histórico) téntase que a sociedade “siga aprendendo, xa que aínda queda moito por aprender”, e incidir en que “a conquista de dereitos non é irreversible e hai que seguir loitando polos dereitos acadados día a día”. “Este ano, a situación sanitaria -sinalou- permítemos recuperar a festa no parque dos Gafos e unha manifestación o día 2 de xullo”.


Hadrián Pernas, de Avante LGBT+, afirmou que o ‘leit motiv’ deste ano é “reivindicar a memoria de todo o colectivo, de todas esas persoas que durante os anos do Franquismo e a posteriori tiveron que enfrontarse a un estigma e estiveron perseguidas e penadas polos propios gobernos”. Tal e como apuntou, “a reivindicación do Orgullo non pode diluírse só na festa”. “A festa é importante -matizou Pernas-, porque somos un colectivo que sempre estivo moi ligado a festa e é parte da nosa forma de ser, pero non podemos abandonar as nosas reivindicacións, tendo en conta o que aconteceu o ano pasado co asasinato de Samuel, as constantes agresións a persoas trans e as políticas en contra do colectivo LGBT que xurden de partidos de extrema dereita en toda Europa. Temos que afianzar esas reivindicacións e achegar á sociedade cara a elas”.


Entre os actos festivos, culturais e conmemorativos deste Orgullo 2022 coordinado a través do programa municipal Pinto e Maragota incluiranse unha variada oferta de faladoiros e contacontos, a Mostra Internacional de Cinema ‘Ambienta’ e, o sábado 2 de xullo, unha Festa do Orgullo no parque do río dos Gafos e unha manifestación que saíra da praza do Hospital Provincial. A programación cultural do Orgullo Pontevedra 2022, a cargo da asociación Avante LGBT+, desenvolverase entre os días 27 de xuño e 1 xullo. Ademais dos pases incluídos dentro da Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra ‘Ambienta’, tamén poderemos desfrutar do taller Contos de Cores, unha actividade infantil (4 a 10 anos) que se realizará o luns 27 ás 19:00 horas na Librería Seijas (avenida de Vigo, 13), con Alba Blanco (as prazas poden reservarse no email libreriaseijas@yahoo.es); un Club de Lectura Avante LGBT+ que terá lugar o martes 28 ás 18:30 horas na Librería Paz (rúa Peregrina, 29), onde tamén se presentará, ese mesmo día ás 19:30 horas, o libro ‘A defunción dos sexos: Disidentes sexuais na Galiza contemporánea (Xerais), coa participación da súa autora, Daniela Ferrández; un encontro coa actriz, política socialista e activista trans Carla Antonelli o mércores 29 ás 20:00 horas na Praza da Pedreira; un Contacontos Diverso a cargo de Mun Mintaka no Bar La Hormiga (Campiño de Santa María) o xoves 30 ás 18:00 horas; unha palestra arredor da realidade trans no Banco Trans dos Xardíns de Vincenti (parque das Palmeiras) con Brais Papiri, Alicia Arruti e Nee Barros (o xoves 30 ás 20:00 horas), e un faladoiro titulado ‘Saúde sexual. Desmontando mitos’, con Hadrián Pernas, o venres 1 de xullo ás 20:00 horas no Gastroespazo do Mercado de Abastos.


A programación da mostra Ambienta pode consultarse na páxina web www.ambienta.gal.