A praza da Peregrina xa acolle a exposición que achega a información máis relevante do PMUS á toda a veciñanza 

40
O documento completo pode ser consultado na web oficial do Concello de Pontevedra e a través das súas máis de cincocentas páxinas achega os obxectivos de Mobilidade que a cidade ten por diante para a próxima década 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, participou esta mañá na inauguración da exposición do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) que lle achegará a toda a veciñanza, e tamén aos visitantes, os principais puntos informativos, obxectivos e conceptos recollidos no documento orixinal de máis de cincocentas páxinas.

A mostra, situada na praza da Peregrina, busca ser un xeito dinámico e visual de achegar todo o coñecemento e as posibilidades futuríbeis que Pontevedra presenta de cara ao futuro en todo o que ten que ver coa mobilidade. «Este é un espazo —a praza da Peregrina— exemplar, un lugar do que queremos para a toda a cidade de Pontevedra; un exemplo de convivencia, de comercio local e de mobilidade sostíbel. A Boa Vila é exemplo neste eido e coas novas lexislacións están a ser propiciados unha serie de avances, onde nós podemos dicir que estamos na vangarda», explicou o rexedor. «Aproveitando esta nova lexislación queremos avanzar máis, abrir unha nova etapa para que toda a cidade teña as mesmas características».

Sobre o PMUS, o alcalde lembrou que é un documento «moi elaborado e que queremos que sexa participado por moita xente», tal e como dan boa conta as últimas reunións mantidas con diferentes asociacións e entidades da cidade. Desde este 22 de xuño, o documento completo pode ser consultado na web oficial do Concello de Pontevedra co fin de que a cidadanía realice as súas achegas e ofreza a súa opinión respecto do mesmo. «Agardamos que a xente participe activamente para lograr facer o mellor PMUS posíbel», destacou Fernández Lores.

Doutra banda, a exposición que agora está presente na praza da Peregrina permanecerá neste espazo até o 3 de xullo, intre no que mudará até o barrio de Campolongo como primeira parada no roteiro expositivo que o Concello ten entre mans. Alí estará instalada durante dúas semanas.

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, sinalou que a aprobación última do PMUS dependerá do número de achegas que se reciban e do seu estudo. A veciñanza terá todo o mes de xullo para realizalas. Antes de final de ano o documento deberá ser aprobado. 

Cómpre lembrar que dentro do proceso de divulgación e exposición do PMUS tamén aparecen tres xornadas de participación para coñecer e recoller a opinión dos veciños e veciñas, sendo as seguintes:

  • 22 de Xuño. Local social do Burgo 20 horas 
  • 29 de Xuño: Centro social Gorgullón 20 horas
  • 2 de xullo. Centro Leste. 20 horas 

Ademais, tamén resta por facer un obradoiro familiar, o 2 de xullo, de 11 a 13 horas, no Edificio Castelao do Museo.