Unha embarcación galega de mulleres diagnosticadas con cancro de mama competirá por primeira vez esta fin de semana en Verducido na II Copa de España de Barco Dragón en distancia de 500 metros

793

Unha embarcación composta por usuarias da Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama (Adicam) competirá esta fin de semana no embalse do Pontillón do Castro (Verducido) na II Copa de España de Barco Dragón en distancia de 500 metros. Trátase da primeira ocasión na que unha nave galega BCS (Breast Cancer Survivors) de mulleres que padecen esta patoloxía participa nunha proba deste nivel, que contará con 65 ‘dragóns’ de seis comunidades autónomas e que incluirá un selectivo de carácter nacional.


O fito foi anunciado esta mañá no Concello no transcurso dun acto de presentación no que estiveron presentes o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o secretario da Federación Galega de Piragüismo (FGP), Félix Lamas; o presidente da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, Óscar Ponte; a fisioterapeuta Yoana González, que colabora con Adicam a través da Facultade de Fisioterapia da Universidade de Vigo; a traballadora social de Adicam María Martínez, e as compoñentes da embarcación BCS que protagonizarán a regata.

Tal e como sinalou Tino Fernández, “esta Copa de España de Barco Dragón, con seren importante por si mesma, ten un compoñente engadido que a fai aínda máis importante, que é a participación, por primeira vez, dun barco composto por mulleres diagnosticadas con cancro de mama, o que nos pareceu motivo máis que suficiente para facer unha rolda de prensa e agradecerlle tanto a Adicam como a Escola Cidade de Pontevedra de Piragüismo esa iniciativa, e agradecerlles ás compañeiras participantes o esforzo e o traballo para facelo posible”. “Están a visibilizar que o deporte e a actividade física son hábitos máis que saudables, tanto desde o punto de vista físico como do psicolóxico”, asegurou o edil do PSOE.


Segundo explicou Félix Lamas, o evento que se disputará no Complexo David Cal de Verducido na xornada do sábado 25 de xuño conta cunha inscrición de “350 deportistas, que representan a 12 clubs de seis autonomías (Galicia, Madrid, Asturias, Valencia, Andalucía e Murcía), que presentarán un total de 65 ‘dragóns’, unha cifra moi importante para esta primeira regata da Copa de España que se celebra na nosa comunidade nunha modalidade aínda incipiente en España e Galicia”. O responsable da Federación apuntou que haberá tres clubs galegos: o Cidade de Pontevedra, que achegará 9 embarcacións; o Breogán do Grove, con 5; e o Rías Baixas de Boiro, con 2″. “O domingo 26 -indicou Lamas- haberá tamén un selectivo nacional nas mesmas instalacións, no que hai seis barcos inscritos e que será clasificatorio para participar no Campionato de Europa de Barco Dragón. É a primeira vez que se celebra un selectivo aquí e o Cidade de Pontevedra tamén estará representado”.


Estudos científicos avalan os beneficios físicos e mentais do Dragon Boat

A fisioterapeuta Yoana González precisou que a Facultade de Fisioterapia do Campus pontevedrés colabora con Adicam desde hai uns 15 anos e aproveitou a ocasión “para recoñecer o labor e implicación desta asociación e destas mulleres loitadoras, que son moi valentes, xa que ademais de estar pasando polo proceso da enfermidade que teñen, van participar nesta proba e non hai nada que se lles poña por diante”. “Nós o que facemos é axudarlles a que entren no mundo deportivo -subliñou a profesional- coas mellores condicións posibles. Cando pasamos por unha enfermidade, a práctica deportiva ten que adaptarase ao estado no que estamos. Hai que saber que podo facer, cunha certa prevención de non facerme dano, e quitar o medo a dar ese paso… Hai estudos científicos que avalan as melloras dunha actividade como o Dragon Boat a nivel físico e mental, polo que realizamos unha valoración funcional para ver, por exemplo, como podemos empregar o brazo afectado polo cancro de mama”.


Uns beneficios que puxo de manifesto unha das mulleres que participará este sábado na regata, a ex militar Isabel Millán, diagnosticada de cancro de mama en xaneiro, quen asegurou que Adicam a axudou “a pasar a súa situación tanto física como mentalmente” e a amosarlle que se podían seguir practicando deportes como o piragüismo, “mesmo estando en tratamento como estou nestes momentos”. “Nós non somos un equipo -afirmou Millán, somos unha familia, estamos moi unidas e nos apoiamos unhas a outras. Todas damos o máximo de nós. No río non hai problemas, é outra sensación. Estamos desexando ir competir. Non teño máis que palabras de agradecemento para a asociación e o Cidade Pontevedra”.


Neste mesmo sentido, Isabel Lema narrou que “en outubro non coñecía nin o Dragón nin Adicam, e unha casualidade fixo que me atopara cunha moza que estaba metida en Dragón e que me dixo se quería probar”. “Así que probei e quedei encantada co equipo, co club e co deporte. Tiña un montón de compañeiras na mesma situación e, ao enterarme de que habíaa BCS, decidín crear este grupo co que estamos encantadas. Estou enormemente emocionada e contenta polo compañeirismo que temos e por esta oportunidade que temos de mellorar. Cando comecei en outubro a linfe se me acumulaba no pescozo e formaba unha bola e, despois duns meses, o meu pescozo está normal e non teño a linfe”, precisou Lema.


A traballadora social María Martínez lembrou que Adicam leva 21 anos traballando, conta con 4 sedes e desembarcou en Pontevedra hai uns cinco anos e apuntou que “o maior peso recae nun equipo interdisciplinar do que pode botar man calquera paciente: falamos do exercicio físico, pero o noso piar é a psicóloga, que fai un acompañamento desde o comezo, e tamén contamos con nutricionista”. “O mérito desta actividade complementaria de Barco Dragón é delas e do equipo de piragüismo. Adicam só deu un soporte, pero elas foron as que puxeron a semente, as que saen a remar. É importante que as pacientes vexan que hai vida despois do cancro e que podemos seguir facendo cousas que nos gustan”, dixo Martínez.


Pola súa banda, o presidente do Cidade de Pontevedra salientou que “é a primeira vez que temos aquí unha proba de Dragón a nivel nacional e que as mozas BCS compitan nunha regata como esta”. Óscar Ponte agradeceulles ás mulleres que competirán este sábado a súa implicación, “xa que é un proxecto que leva moi pouquiño andando, uns tres meses, e sen a súa implicación este equipo non sería posible e non habería participantes BCS galegas”. “Animamos a todas as mulleres que se atopen nunha situación semellante, pertenzan ou non a Adicam, a que se acheguen ao club para probar, xa que é unha actividade que non require de experiencia previa”, engadiu Ponte.